BBK BitTorrent leva Android e o P2P ao televisor

xoves, 10 de xaneiro do 2013 Marcus Fernández

Moitos son os dispositivos que facilitan levar a reprodución multimedia, pero agora chega por 89,99 euros un que resulta rechamante por ser o primeiro deste tipo baseado en Android 4.0.4 que conta con certificación BitTorrent, de xeito que non só serve para ver fotografías, escoitar música e reproducir vídeo nun televisor ao que se conectaría por HDMI, senón que tamén permitiría que os contidos fosen achegados directamente da rede BitTorrent sen que medie un ordenador no proceso.
A BBK BitTorrent Certified Box conta con conectividade Ethernet e Wi-Fi N (para conectarse a outros dispositivos locais ou á Internet), ten 512 Mb de RAM, 4 Gb de almacenamento interno ampliable mediante un lector de tarxetas 3 en 1 e mediante 3 portos USB 2.0 e un mini USB, reproduce os formatos de ficheiros máis habituais no mercado (soportando sen problema vídeos en alta definición) e pode gozar das aplicacións dispoñibles en Google Play, polo que tanto podemos gozar de navegadores web como de xestores de ficheiros.
Como características especiais do dispositivo destacan que que na súa aplicación de BitTorrent pode descargar ficheiros a través da rede P2P, pode reproducir ficheiros locais ou en ordenadores na rede doméstica e traballa coas versións de escritorio de BitTorrent e uTorrent; pero para moitos resultarán tan interesantes as prestacións que consegue a través da aplicación EShare, que permítelle recibir contidos multimedia dende móbiles e tablets Android ou con iOS, utilizar estes dispositivos como rato, teclado ou mando a distancia; e mesmo usar a cámara do móbil ou tablet como cámara sen fíos. Temos así que esta solución é compatible con DLNA e AirPlay, aínda que posiblemente serán os usuarios de trebellos con Android os que poderán tirar máis proveito deste dispositivo, pois incluso poderán amosar a pantalla do móbil no televisor, ou sexa, que estariamos ante unha solución que tamén tería certo atractivo para a realización de presentacións multimedia.


Vídeo de demostración da BBK BitTorrent Certified Box

PUBLICIDADE