Ayaneo prepara unha nova consola portátil baseada en Windows

venres, 8 de novembro do 2024 Marcus Fernández

Dentro dos ordenadores consolizados para adoptar un factor de forma semellante ao da Nintendo Switch destaca a marca Ayaneo, polas súas múltiples propostas, e vén de anunciar a súa vindeira consola portátil, a Ayaneo 3.
A nova consola pretende chegar pisando forte, ofrecendo unha máquina baseada en Windows, cun procesador a elixir entre un AMD Ryzen AI 9 HX 370 ou un Ryzen 7 8840U (de xeito que podemos optar entre unha consola capaz de correr xogos modernos e un equipo máis modesto) e incluso coa posibilidade de escoller se a súa pantalla de 7 polgadas terá pantalla LCD ou OLED (HDR).
A Ayaneo 3 tamén supón unha evolución na ergonomía dos seus botóns; contará con altofalantes frontais; e tamén ten cruceta e pancas analóxicas para poder gozar de multitude de tipos de xogo.
En breve darán máis detalles deste produto, que claramente será de calidade, pero do que o prezo e a data de lanzamento son aínda toda unha incógnita, aínda que podemos prever que será un produto cun prezo bastante elevado dada a potencia dos seus procesadores.

Vídeo de adianto da Ayaneo 3