Axóuxere Games lanza a beta pública do seu novo xogo para Android

xoves, 11 de decembro do 2014 Marcus Fernández

A pasada edición da Feira dos Autónomos de Galicia celebrada en EXPOCoruña contou coa presenza do estudio independente Axóuxere Games, onde permitiu ao público achegarse ás súas creacións, permitindo incluso que probasen Colours, título que aínda está en fase beta e que, ante a presión do público, decidiron publicar anticipadamente en Google Play para que os visitantes ao encontro coruñés puidesen instalar o título nos seus trebellos móbiles para levar así a diversión até os seus fogares.
Deste xeito xa podemos descargar de balde a beta pública de Colours, xogo que consiste en combinar elementos da mesma cor en combinacións de dous, tres ou catro elementos, acumulando puntos contra-reloxo, podendo recoller elementos que engadirán vantaxes como tempo ou puntos (aínda que estes elementos tamén poden ser negativos).
Colours pode xogarse polo momento en dúas modalidades: Acumulapuntos (realizar o meirande número de combos antes de que se esgote o tempo) e Apágao (tendo que evitar que se acendan todas as lámpadas realizando combos de cor).
A aplicación está dispoñible polo momento en español, pero preparan a súa pronta tradución ao galego e ao inglés.

Colours conta con dúas modalidades de xogo

PUBLICIDADE