Augen prepara dispositivos de baixo custo baseados en Android

martes, 27 de xullo do 2010 Marcus Fernández

Mentres os tablets de fabricantes coñecidos están a apuntar a prestacións avanzadas e prezos elevados, outras compañías van nunha dirección totalmente oposta, coma Augen, empresa de Florida que vai distribuír o seu GenTouch nas tendas da cadea Kmart, nas que xa pode reservarse por 149,99 dólares (115,20 euros), o que parece un prezo bastante axustado para un tablet con Android 2.1, Wi-Fi, 256 Mb de RAM, 2 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas de memoria) e acceso ao Android Market, polo que estamos ante un trebello que, aínda que conte cunha pantalla bastante cativa (7 polgadas cunha resolución de 800 x 480 píxeles) xoga a baza do seu prezo e de estar aberto á tenda de aplicacións oficial de Android (algo do que carecen a meirande parte dos seus competidores, que tenden a ser produtos bastante pechados).

O GenBook tamén pode acceder ao Android Market

Pero este non é o único produto de rango económico de Augen, pois a mesma compañía tamén está a preparar o GenBook, pequeno ordenador portátil baseado en Android 1.6, que grazas as súas reducidas prestacións (procesador a 400 MHz e 128 Mb de RAM) consegue ter un prezo de só 99 dólares (76,54 euros). A este equipo non lle faltan 3 portos USB, lector de tarxetas SD, Ethernet e tomas para micrófono e auriculares, de xeito que resultará útil para múltiples usos, sempre que non sexamos moi esixentes e busquemos un equipo de sirva simplemente para utilizar o correo electrónico, escoitar música e pouco máis.
Ao ver este tipo de equipos informáticos non podemos evitar comentar que estamos ante o que parece o corazón dun smartphone metido na carcasa dun tablet ou dun portátil, polo que non podemos esperar que teñan o rendemento dun ordenador completo, pese a que teña a súa aparencia.


Análise en vídeo do GenBook de Augen

PUBLICIDADE