Atopan un ovo de pascua no Donkey Kong de Atari

luns, 6 de xullo do 2009 Marcus Fernández

En 1981 chegou ás máquinas creativas o mítico xogo Donkey Kong que é realmente representativo por ser o título que deu lugar ao popular personaxe Mario (daquela aínda coñecido coma Jumpman), e que 2 anos despois sería levado á consola doméstica Atari 400/800 por parte de Landon Dyer, o que foi unha titánica tarefa desenvolvida por unha única persoa e que agora, 26 anos despois, descubrimos que serviu para colar un ovo de pascua que deixase constancia do autor da conversión.
Para poder ver este detalle oculto hai que acadar entre 33.000 e 33.900 puntos (que debe de ser un novo record), esgotar todas as vidas e morrer coa última dunha caída no 4º nivel de dificultade, combinación de detalles que facía realmente difícil dar con esta curiosidade consistente no reinicio do xogo para amosar as iniciais de Landon Dyer (LMD) na pantalla de título.
O propio autor escribía sobre o tema no seu blog hai máis dun ano asegurando que metera no xogo un ovo de pascua do estilo de morrer nun nivel determinado, cun número de vida concreto e cunha puntuación determinada, aínda que o máis doado para ver o efecto é contemplar a súa versión en vídeo:

PUBLICIDADE