Atlantic lanza un revolucionario marketplace para as adegas galegas: Wines.gal

venres, 15 de outubro do 2021 S. P.

A empresa Atlantic, con sede en Vilagarcía, compartiu detalles dun innovador proxecto de seu, destinado a converterte nun escaparate internacional para as adegas da nosa terra: a plataforma Wines.gal que irrompe na Rede en cinco idiomas: galego, castelán, inglés, francés e alemán.
Trátase, en palabras da firme, dun marketplace que permite aos adegueiros achegarse de xeito cómodo e inmediato aos consumidores finais, sen intermediarios e de maneira directa. “Quixemos facer un recurso complementario e compatíbel co feito de ter unha páxina web ou unha tenda en liña previa, así como calquera outra forma de promoción internacional”, sinalan dende Atlantic.
Máis de dúas ducias de adegas pertencentes ás 5 Denominacións de Orixe de viño de Galicia están xa adscritas á plataforma, a través da cal realízase venda ao por menor ao consumidor final en toda a Unión Europea.
Presentación detadalla
A ferramenta será presentada o vindeiro 22 de outubro ás 10.00 horas no GaiásTech, no Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura de Santiago.
O programa da sesión, que se celebrará tanto de maneira presencial como en liña será o seguinte:
-Presentación e misión de Atlantic: o reto de dixitalizar os sectores máis tradicionais da economía galega.
-Presentación do marketplace de viños galegos Wines.gal, a súa misión e obxectivos.
-Operatividade do marketplace de cara ao cliente.
-Funcionalidades e utilidades da plataforma para as adegas inscritas.
-Explicación do proceso de alta para adegas en Wines.gal.
-Procesos e operativa internacional de Wines.gal.
-Relanzamento internacional da ferramenta de ecommerce nos vindeiros meses grazas ao programa Galicia Exporta Dixital do IGAPE.
O público obxectivo da sesión do venres 22 son os propietarios de pequenas ou medianas adegas pertencentes a algunha D.O de viño de Galicia, ou responsábeis de mercadotecnia e/ou de internacionalización de adegas de maior tamaño, e o público en xeral interesado pola introdución das tecnoloxías da información nos sectores tradicionais da economía galega para que poidan coñecer a plataforma Wines.gal.
As persoas interesadas en asistir ó evento, tanto de forma presencial como con en liña (a través da aplicación Zoom), deberán inscribirse no evento a través da web de GaiásTech.

PUBLICIDADE