AtlantTIC descobre como ampliar os límites dos sistemas de criptografía cuántica
mércores, 11 de setembro do 2019
- O profesor do Departamento do Teoría do Sinal e Comunicacións da Universidade de Vigo e investigador de AtlantTIC, Marcos Curty
A
criptografía cuántica vén de recibir un novo impulso da man de
investigadores da Universidade de Vigo, ampliando os seus límites e
garantindo a seguridade no proceso. O cifrado cuántico, para que non
o saiba, é unha técnica moi axeitada para protexer información
crítica e enviala a través da Rede, achegando un extra de
confidencialidade que as tecnoloxías de cifrado convencionais non
son quen de fornecer (limítanse a centrarse na dificultade de
resolver problemas matemáticos). Porén, a nova técnica codifica a
información en pulsos ópticos poñendo en xogo unha seguridade
incondicional. A
contribución da UVigo consiste en esluír os límites das distancias
máximas de transmisión de datos.
Estas
distancias situábanse até o de agora entre os 300 e os 400
quilómetros, tal e como explica o profesor do Departamento do Teoría
do Sinal e Comunicacións da Universidade de Vigo e investigador de
AtlantTIC, Marcos Curty, que engade que coa investigación levada a
cabo recentemente por el mesmo e expertos da Universidade de Toronto
demostrouse que é posíbel “duplicar practicamente esas distancias
de transmisión, até alcanzar os 700 quilómetros”.
Así
o constatan no estudo que veñen de publicar na revista Physical
Review Letters, da Sociedade Americana de Física.
“A
criptografía cuántica basea a súa seguridade en leis fundamentais
da física e é, polo tanto, inmune e calquera avance computacional”,
sinala Curty respecto dunha técnica que “codifica a información
en pulsos ópticos moi atenuados, que conteñen en promedio un fotón
por pulso e se propagan por fibras ópticas”, garantindo unha
“confidencialidade absoluta da información”. A súa principal
limitación, engade, débese precisamente as “perdas de
transmisión” a través destas fibras que fan que, a maiores
distancias, diminúa a chamada “taxa de clave” da información,
de tal xeito que “coa tecnoloxía actual necesitaríanse preto de
100 anos para lograr transmitir un fotón con éxito a unha distancia
de 1000 quilómetros”.
Curty
desenvolveu xunto cos investigadores Hoi-Kwong Lo e Koji Azuma unha
proposta teórica “na que formulabamos un protocolo cuántico que
permitiría ter unha boa taxa de clave a distancias moito máis
elevadas”.
A
cerna da proposta reside en que os fotóns non teñan que viaxar todo
o camiño desde o transmisor até o receptor, senón unicamente a
metade. Así, a principal dificultade da técnica residía en
conseguir que fotóns xerados por láseres independentes e
transmitidos por fibras ópticas distintas tiveran a mesma fase e
puideran interferir cuanticamente. Logo de demostrar a viabilidade
disto, os investigadores de Vigo e Toronto deseñaron e desenvolveron
un experimento, levado a cabo na universidade canadiana, no que esa
dificultade era superada cunha técnica de autocompensado óptico,
demostrando así o factíbel do sistema.