Até 60 empresas e institucións apoian de cheo a Mobile Week Coruña

xoves, 8 de novembro do 2018 Fernando Sarasketa

A cidade da Coruña acollerá entre os días 21 e 28 de novembro a primeira edición da Mobile Week Coruña, organizada pola Fundación Mobile World Capital Barcelona, responsábel, tamén, da organización do Mobile World Congress. O evento coruñés, un espazo para “crear espazos de reflexión sobre a transformación dixital e o seu impacto na sociedade actual”, vén cun relevante programa de actividades transversais, para todos os públicos, que se desenvolverán en máis de 20 espazos distintos, a repartir entre o termo municipal coruñés, a Área Metropolitana e a propia Compostela, na Cidade da Cultura. En termos concretos, desenvolveranse preto dun cento de accións TIC. Impulsando a semana co seu patrocinio ou apoio atópanse máis de 60 empresas e institucións.
O patrocinador principal de Mobile Week Coruña é ABANCA, que amais implícase de cheo na programación. De feito, o seu conselleiro delegado, Francisco Botas, será un dos encargados de pechar o acto de clausura o 28 de novembro. Amais, a sede da fundación da entidade bancaria, Afundación, acollerá o 22 de novembro a conferencia Tecnoloxías da Información: a construción dun espazo de aprendizaxe, do catedrático da Universidade de Sevilla, Julio Cabero, unha actividade que precederá (tamén no salón de actos de Afundación) aos seis mWeekTalks previstos durante Mobile Week Coruña.
Tamén son patrocinadores da semana Estrella Galicia e Accenture Dixital. A marca cervexeira participará na programación da man de Juan José Delgado, responsábel do ámbito dixital da empresa e co-impulsor de The Hop, programa de emprendemento colaborativo de Estrella Galicia.
Pola súa banda, Accenture achegará un obradoiro sobre como construír modelos de Intelixencia Artificial para móbiles e IoT (Internet das Cousas). Ademais, o seu director xeral para España, Portugal e Israel, José Luís Sancho, será un do seis relatores na mesa de debate Revolución dixital no traballo.
Entre as empresas máis implicadas tamén se atopan Gadis, Intasa e R, todas elas patrocinadoras do evento. A operadora de cable, ademais, participará na programación con obradoiros de robótica para os máis novos e unha charla para pais e avós sobre o uso de internet que fan a mocidade.
PALEXCO, Cega, Lexus, Auren, Plam e Lifesice son empresas que tamén colaboran para que a Mobile Week Coruña supere as 100 actividades ao longo de sete días.
Ademais, o evento conta co apoio e patrocinio do Concello da Coruña, a Xunta de Galicia, a través de AMTEGA, e a Deputación da Coruña. Todas elas tamén participan con eventos na programación da Mobile. Outras institucións como a Universidade da Coruña, o CESGA ou o Club Financeiro Atlático tamén se sumaron á iniciativa.

PUBLICIDADE