Até 130 empresas dos polígonos de Mos poderán beneficiarse da fibra de última xeración de R

xoves, 4 de marzo do 2021 Redacción

R despregou fibra de última xeración en tres polígonos de Mos, nos que as empresas poderán, grazas ao fornecemento de tecnoloxía FTTH, navegar a velocidades de ata 1 Gbps. O operador galego realizou nos últimos meses un cambio de tecnoloxía na súa rede das áreas industriais de Rebullón, Avenida de Peinador e Veigañada, grazas á cal 130 empresas contarán “con conexións máis rápidas, seguras e estábeis”, informou a operadora.
Con esta iniciativa, R quere dar resposta ás crecentes necesidades do tecido empresarial da zona en colaboración coa Asociación de Empresarios de Mos (AEMOS), coa que mantén un contacto permanente para a mellora das infraestruturas tecnolóxicas dos seus asociados.
Para explicar en detalle os traballos realizados e os beneficios que achega a nova tecnoloxía FTTH, R e AEMOS organizaron na mañá deste 4 de marzo unha xornada formativa cos socios da entidade.
No caso concreto destas áreas, R revalida o seu compromiso coa patronal de Mos, coa que mantén dende hai anos colaboración para implantar e mellorar diferentes servizos tecnolóxicos, adaptados á evolución das necesidades de emprendedores e empresas da zona. “Grazas a este esforzo conxunto ten sido posible unha actualización de rede tan importante como a que se realizou nestas áreas ”, explicou o director corporativo de Empresas de R, Isidro Fernández de la Calle, quen agradeceu a colaboración de AEMOS neste desenvolvemento e a comprensión polos inconvenientes durante o período de obras.
Pola súa banda, o xerente de AEMOS, Francisco Domínguez, destacou a importancia da tecnoloxía no proceso empresarial onde “a dixitalización e a innovación viñeron para quedar e xa non son unha opción, senón elementos que están transformando a nosa vida cotiá, as nosas empresas, a industria, os procesos de produción e os nosos produtos”.

PUBLICIDADE