Até 13 demostradores tecnolóxicos participarán na xornada de portas abertas do CiTIUS

mércores, 10 de xullo do 2019 Fernando Sarasketa

As empresas, entidades públicas e organismos de toda índole teñen este 12 de xullo unha cita coa innovación galega. E non coa innovación en sentido abstracto, senón cunha serie de proxectos concretos de abondo desenvolvidos e madurados como para seren obxecto do que se coñece como transferencia tecnolóxica: o chimpo do coñecemento xerado nos grupos de investigación ao mundo que está aí fóra. Todo isto vén a conto para presentar a xornada de portas abertas Inside The Lab, que converterá (por quinto ano consecutivo) o Centro de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago de Compostela nun gran centro demostrador. En total, presentarase o miolo de 13 de grandes proxectos.
En palabras do CiTIUS, en Inside The Lab atoparemos unha escolma de demostradores destinados a presentar os últimos resultados científicos do centro, “nun grao de desenvolvemento axeitado para a súa transferencia á industria e á sociedade”. O CiTIUS convídanos a participar “en calquera ingre entre as 10.00 e as 14.00 horas”.
A cita virá con feitura de showroom e estará operativa en horario libre durante toda a mañá do venres, e, do mesmo xeito ca nas edicións pasadas, estará concibida para permitir que os asistentes visiten as instalacións do CiTIUS no horario que lles resulte máis conveniente.
O roteiro será o seguinte: en canto cheguen ao centro, as e os visitantes recibirán un plano coa localización de todos os demostradores repartidos polas dependencias do CiTIUS; o mapa facilitará a localización das posíbeis visitas, unha pequena mostra das últimas tecnoloxías desenvolvidas por equipos de investigación do centro.
Entre as temáticas que estarán presentes na edición 2019 de Inside The Lab atópanse unha solución para a monitoraxe da polución en Cidades Intelixentes (TRAFAIR), unha aplicación nutricional baseada en solucións de Intelixencia Artificial Explicábel, unha aplicación de imaxe hiperespectral para a análise de concas fluviais, ou o desenvolvemento de solucións para a detección e tracking de centos de obxectos en tempo real.
O CiTIUS avanza que participarán no evento 13 demostradores. Estes cubrirán unha ampla gama de resultados transferíbeis en distintas áreas de actividade pública ou privando, avalando a investigación do centro en distintas fases de desenvolvemento (desde prototipos creados a partir de proxectos de investigación, até resultados tecnolóxicos xa transferidos a través de distintas fórmulas).
O encontro contará tamén coa presenza das dúas empresas (spin-off) abrolladas do seo do CiTIUS: por unha banda Situm, cuxo negocio céntrase no desenvolvemento de tecnoloxías de xeoposicionamento en interiores, e, pola outra, Imagames, que desenvolve solucións de gamificación en dominios como a aprendizaxe virtual ou a mercadotecnia dixital. Creadas respectivamente en 2014 e 2015, entre ambas suman xa máis de 40 empregados e presenza en 40 países.
A xornada incluirá tamén a presentación de InVerbis, unha iniciativa beneficiaria do Programa Ignicia Proba de Concepto promovido pola Xunta de Galicia, que a día de hoxe atópase en fase de incubación. Inverbis converterase nunha nova spin-off do CiTIUS en 2020 e a súa actividade principal estará centrada na analítica de negocio por medio de tecnoloxías de minería de procesos.
A participación na xornada é gratuíta e require inscrición telemática até o 9 de xullo, cumprimentando o formulario dispoñible na web oficial da cita.

PUBLICIDADE