Até 1.700 páxinas da obra de Emilia Pardo Bazán estarán dispoñíbeis online

martes, 20 de abril do 2021 S. P.

O programa da Xunta para conmemorar o centenario de Emilia Pardo Bazán constará de até 40 actividades. Por mor das circunstancias sanitarias actuais e tamén debido á presenza cada vez maior da divulgación cultural nas novas ferramentas, parte destas actividades terá unha marcada vertente online. Por exemplo a posta en marcha dun novo micrositio con 85 das obras dixitalizadas da escritora, o que suporá que se poñan a disposición do público unhas 1.700 páxinas das súas obras. Estará dispoñíbel desde o mes de maio e poderá consultarse en Galiciana. Estes e outros datos foron dados a coñecer este 20 de abril polo conselleiro de Cultura, Román Rodríguez.
O acto central, unha exposición
Segundo fixo saber o conselleiro, Galicia impulsará este ano “unha programación extensa, variada e plural” para conmemorar o centenario de Emilia Pardo Bazán con máis de 40 actividades que terán como acto central a exposición Emilia Pardo Bazán. O reto da modernidade. Trátase da mostra levada a cabo pola Xunta, a Biblioteca Nacional de España (BNE), Acción Cultural Española (AC/E) e a Comunidad de Madrid en colaboración coa Real Academia Galega (RAG) e o Concello de Coruña que se exhibirá na Coruña do 22 de outubro ao 18 de decembro tras o seu paso por Madrid e que reunirá máis de 200 pezas entre manuscritos, libros impresos, gravados e fotografía, entre outros.
Comisariada pola catedrática de Historia Contemporánea da Universidade de Valencia e Premio Nacional de Historia, Isabel Burdiel, a exposición rende homenaxe a “unha muller adiantada ao seu tempo, que participou en actividades, debates e tarefas intelectuais e literarias naquel momento reservadas para homes, ademais de ser unha firme defensora da educación da muller”, sinalouse no acto de presentación, no que se puxo o foco nos seus fortes vencellos coa Coruña, cidade na que naceu e, por este motivo, elixida como sede da mostra no territorio galego (en colaboración co Concello).
Incluirá materiais procedentes de diversos lugares do territorio do Estado e, ademais da BNE, colaboran na achega dos fondos 19 particulares e entidades como a Real Academia Galega, Sargadelos, o Museo Nacional do Teatro de Almagro, o Museo do Romanticismo, a Real Academia Española ou o Ateneo Científico, Literario e Artístico de Madrid, entre outras.
Exposición de rúa en todas as cidades
Así, xunto a esta exposición, as conmemoracións incluirán catro mostras máis como Cen anos sen Emilia, unha acción de rúa que percorrerá distintas cidades de xuño a setembro para divulgar a súa obra ou a que se poderá ver no Museo de Belas Artes da Coruña en outono con obxectos doados pola súa familia que pertenceron á escritora como manuscritos do século XIII, retratos do século XVIII e XIX, así como varias pezas artísticas e decorativas datadas entre os séculos XIII e XIX como tapices, alfaias, misais, escribanías, entre outros.
En novembro, a Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura, porá en valor o traballo da autora, cunha escolma bibliográfica das súas pezas máis senlleiras e representativas. Estas exposicións súmanse á xa celebrada en colaboración co Ateneo de Santiago e a Universidade de Santiago para analizar a pegada de Pardo Bazán na cidade de Santiago de Compostela.
O programa tamén incluirá dous congresos internacionais en colaboración coas tres universidades galegas. Trátase de Emilia Pardo Bazán no seu Centenario: Literatura e vida nos séculos XIX, XX e XXI, organizado pola Universidade da Coruña e a Fundación Barrié, que se celebrará en setembro, e Emilia Pardo Bazán, cen anos despois, co apoio específico da RAG e o Consello da Cultura Galega, así como outras entidades internacionais como o Brooklyn College da City University of New York e que está programado para outubro.
Divulgación nas Bibliotecas da Xunta
Ademais, levaranse a cabo máis dunha trintena de actividades de difusión en redes, nos arquivos e na rede de bibliotecas públicas que achegarán a figura da intelectual a todos os públicos. Incluiranse accións orientadas aos máis novos como contacontos ou obradoiros de ilustración e formatos como faladoiros destinados a público especialista.
Memoria dixital de Pardo Bazán
Román Rodríguez recordou tamén que se “emprenderá un importante traballo de divulgación e promoción da súa obra nas plataformas dixitais”. Así, lanzarase un novo micrositio con 85 das súas obras dixitalizadas o que supón que se porá a disposición do público unhas 1.700 páxinas das obras da autora. Estará dispoñíbel desde o mes de maio e poderá consultarse en Galiciana, a Biblioteca Dixital de Galicia.
A Biblioteca de Galicia tamén editará 17 publicacións dixitais inéditas ata o momento, convertidas en formato libro electrónico e que non estaban accesíbeis en ningunha institución española.

PUBLICIDADE