Atari Vault achega numerosos clásicos dos videoxogos adaptados a PC

luns, 28 de marzo do 2016 Marcus Fernández

Tal e como se avanzou hai un par de meses, chega a Steam o Atari Vault, un recompilatorio cun cento dos xogos máis emblemáticos de Atari dos anos 70 e 80, que gozan de modo multi-xogador e novos controis, ofrecéndose até o vindeiro día 31 a un prezo promocional de 16,99 euros.
Este novo produto inclúe clásicos como Asteroids, Centipede, Missile Comand, Tempest, Star Raiders, Gravitar, Breakout, Pong e Warlord, que poden xogarse con modo multi-xogador local e en liña (podendo así desafiar a través da Internet aos nosos amigos), conta con marcadores en liña para poder comparar as nosas puntuacións coas do resto do mundo, conta cunha nova interface deseñada para facilitar a inmersión nos clásicos das recreativas (das que conserva a súa carátula orixinal) e incluso inclúe as bandas sonoras orixinais dos xogos dos 70 e 80.
O control do Atari Vault está adaptado para que podamos gozar dos clásicos con teclado e rato, así como con mandos modernos como o Steam Controller, sendo incluso posible conectar un trackball ao PC para poder gozar de xogos como Missile Command recreando fielmente o seu control orixinal. Unha excelente oportunidades para os nostálxicos dos primeiros anos da industria do lecer electrónico.

Os clásicos de Atari están adaptados para poder gozarse comodamente fronte a pantalla do PC

PUBLICIDADE