Asus traballa en conseguir que Windows 11 chegue a equipos con certa antigüidade

martes, 7 de setembro do 2021 Marcus Fernández

Microsoft fixou unha relación de hardware compatible con Windows 11 que deixa fóra a numerosos equipos de certa antigüidade, sendo especialmente patente o feito de que os equipos con procesadores AMD Ryzen 1000 e Intel Core de 7ª xeración quedarían fóra (coa excepción dunha decena de procesadores de alta gama dentro desta última familia), pero a situación podería mudar lixeiramente grazas ao traballo dos propios fabricantes, como é o caso de Asus, que está a actualizar a BIOS dalgunhas placas base para facilitar que incluso equipos con procesadores Intel Core de 6ª e 7ª xeración puidesen cumprir coas esixencias publicadas por Microsoft.
Como exemplo, temos que a placa Maximus IX Formula, con soporte para procesadores Intel Core de 6ª e 7ª xeración, recibiu unha actualización «compatible con Windows 11 de forma predeterminada», salientando que non precisa de cambios na configuración para soportar o novo sistema operativo, ou sexa, que certos fabricantes poderían achegar actualizacións que permitisen que os seus equipos puidesen funcionar oficialmente con Windows 11, o que non parece que vaia ser a práctica xeneralizada, xa que a meirande parte de fabricantes preferirán instar aos consumidores a adquirir novo hardware. En calquera caso haberá que ver se Microsoft admite que estas placas base actualizadas permitan que procesadores de certa antigüidade pasen o corte establecido de xeito xeral para ter soporte oficial de Windows 11.

PUBLICIDADE