Asus presenta un smartphone con 256 GB de almacenamento interno
luns, 24 de agosto do 2015
Tras pasar
pola India a presentar os seus novos smartphones e tabletas, Asustek
continúa a presentar os seus dispositivos internacionalmente, achegándose a
Brasil, onde non se limitaron a anunciar os plans de comercialización locais para
os seus ZenFone 2, ZenFone 2 Deluxe, ZenFone 2 Laser e ZenFone Selfie, nun acto
no que participaron a cantante Luiza Possi e Marcos Pontes (primeiro astronauta
brasileiro), senón que conseguiron chamar a atención internacional ao desvelan
o ZenFone 2 Deluxe Special Edition, un smartphone que non só contará con 2
opcións de cor exclusivas (drift silver
e carbon night), senón que destacará
máis por integrar 4 GB de RAM e 256 GB de almacenamento interno, situando un
novo teito para a capacidade máxima dun smartphone.
Este impresionante smartphone conta cunha pantalla IPS Full HD de 5,5 polgadas,
procesador Intel Atom de 64 bits a 2,3 GHz, 4G, e cámaras de 13 e 5 Mpíxeles. E
para quen non lle chegase coa súa capacidade de almacenamento interno de 256
GB, tamén conta cun lector de tarxetas microSD na que pode inserir tarxetas de
até 128 GB, polo que nun mesmo terminal poderiamos sumar 384 GB de datos, dando
a impresión de que estamos ante un dispositivo máis semellante a un ordenador
portátil que a un teléfono móbil.