Asus presenta un ordenador con Windows 8.1 convertible en tablet cun prezo de só 349 dólares

xoves, 12 de setembro do 2013 Marcus Fernández

Aproveitando a celebración do Intel Developer Forum (IDF) do presente ano, o máximo responsable de Asustek, Jonney Shih, amosou un atractivo equipo que ten moitas bazas para converterse no sucesor dos populares netbooks nos que a súa compañía xa foira pioneira co Asus Eee PC. O prometedor ordenador presentado foi o Asus Transformer Book T100, que vén a ser un híbrido entre tablet e ordenador portátil que funciona con Windows 8.1 e promete unha autonomía de ata 11 horas por un prezo de só 349 dólares (262,66 euros) no seu modelo de 32 Gb de almacenamento interno (con 64 Gb custaría 399 dólares), combinación que pode convertelo en todo un referente do sector cando chegue ao mercado a mediados do mes que vén.
Este novo equipo conta cunha pantalla táctil IPS de 10,1 polgadas cunha resolución de 1.366 x 768 píxeles, procesador Intel Atom Z3740 de catro núcleos, 2 Gb de RAM, lector de tarxetas microSD, porto micro USB, saída micro HDMI e unha base extraíble con teclado e un porto USB 3.0, que aínda que presente unha potencia limitada, será máis que suficiente para a meirande parte dos usuarios, que verán nun mesmo equipo a comodidade dun tablet para o consumo de contidos, como a portabilidade e versatilidade dun ultrabook para usos de produtividade.

PUBLICIDADE