Asus presenta un Copilot+ PC en formato NUC
mércores, 4 de setembro do 2024
Nun momento no que se está a preparar o terreo para os novos portátiles Copilot+ PC con procesadores Intel e AMD dende Asus aproveitan a situación para actualizar a súa gama de ordenadores de sobremesa compactos incorporándolles esta última tecnoloxía que promete tirar un grande proveito da IA para labores de produtividade.
Temos así o Asus NUC 14 Pro AI, un equipo que pese a ocupar menos de 0,6 litros (130 x 130 x 34 milímetros) integra un procesador Intel Core Ultra 9 Series 2 capaz de ofrecer un desempeño neural de 48 TOPS, polo que pode tirar proveito das funcións de IA de Copilot en local.
Este equipo integra unha gráfica Intel Arc capaz de procesar até 67 TOPS, conta con micrófono e altofalante con soporte para ordes de voz coas que activar aplicacións de IA, conta con conectividade Wi-Fi 7, Bluetooth 5.4 e Thunderbolt 4, e incluso sorprende cun botón físico de Copilot.
Estamos ante un ordenador que pese ao seu reducido tamaño, resulta moi versátil, podendo resultar moi axeitado para usos de oficina, para usos domésticos nos que se consuman moitos contidos multimedia e incluso se procese imaxe e vídeo, e mesmo funcións profesionais máis avanzadas.