Asus estrea un reprodutor multimedia conectado e con sintonizador de TDT

xoves, 27 de setembro do 2012 Marcus Fernández

Coa popularización de formatos de vídeo diversos na Rede (como o MKV) emerxeron unha serie de reprodutores multimedia que permite levar os novos contidos descargados da Internet ao televisor, pero agora que os reprodutores de Blu-ray e os propios televisores contan con tales prestacións de serie teñen que renovarse con novas funcionalidades para atopar un oco no mercado, e así temos agora o Asus O!Play Media Pro, que é a evolución da familia de reprodutores domésticos de Asustek.
O novo dispositivo xa non se limita a reproducir contidos en máis de 50 formatos achegados por SD ou USB, senón que tamén reproduce os contidos almacenados no noso ordenador a través de Wi-Fi N ou Gigabit Ethernet, inclúe sintonizador de TDT de alta definición para poder ver a televisión (e incluso programar gravacións), achega prestacións propias dun Smart TV (acceso a servizos como YouTube, Dailymotion, Facebook, Picasa, Flickr...) e incluso pode amosar contidos que teñamos no noso móbil valéndose da aplicación O!MediaShare, dispoñible en Google Play e na App Store. Unha excelente opción para que teña un televisor de alta definición sen conexión á Internet e queira tirar del un maior proveito. O seu prezo en España será duns 130 euros.

O reprodutor ten un tamaño reducido e inclúe todo o necesario para gozar do seu uso no noso televisor de alta definición

PUBLICIDADE