Asus comercializará un router sen fíos de grande versatilidade

mércores, 23 de marzo do 2011 Marcus Fernández

En abril porase á venda por uns 49 euros o novo router sen fíos Asus WL-330N3G, un dispositivo cunhas dimensións de só 90,0 x 38,9 x 12,8 milímetros que destaca pola súa versatilidade, xa que combina nun único trebello un router sen fíos Wi-Fi N, un repetidor universal, un punto de acceso, un adaptador Ethernet e un xerador de hotspots Wi-Fi partindo dun modem USB 3G, de xeito que é un complemento ideal para viaxeiros ou traballadores en mobilidade.
Aínda que o principal uso deste dispositivo sexa o de compartir unha conexións de banda larga 3G entre varios dispositivos, o WL-330N3G pode empregarse coma router para un modem ADSL ou incluso como un adaptador de Ethernet a Wi-Fi, que gaña versatilidade ao poder alimentarse tanto co transformador de corrente correspondente ou a través dun cable USB. Cando xa temos unha rede Wi-Fi no fogar ou no traballo, o dispositivo de Asus pode servir para aumentar a súa cobertura operando como repetidor, o que agradecerán os usuarios que teñan equipos moi afastados do seu router Wi-Fi.

PUBLICIDADE