Asus comercializará un móbil intelixente con pantalla de alta resolución

luns, 15 de setembro do 2008 Marcus Fernández

A converxencia entre as PDA e os móbiles é un proceso imparable, e incluso hai que case pode prescindir do ordenador portátil grazas aos móbiles máis avanzados, pero normalmente estes dispositivos conta cunha importante eiva, como é a pouca resolución das súas pantallas, que non son axeitadas para a disposición de contidos como páxinas web ou procesadores de texto.
Avanzando na solución deste problema chega o Asus Glaxy7, que funciona con Windows Mobile 6.1 Professional e ten unha pantalla de 3,5 polgadas cunha resolución de 800 x 480 píxeles (ou sexa, que no tamaño de pantalla dun iPhone é capaz de amosar os mesmos contidos que un ultraportátil de baixo custo cunha pantalla de 7 polgadas).
Pero non queda aí a cousa, pois o Glaxy7 tamén goza dunha conectividade moi ampla, xa que se trata dun móbil cuatribanda con HSDPA, Wi-Fi e Bluetooth, que co seu GPS (con soporte de aGPS), a súa cámara de 5 Mpíxeles e a súa memoria interna de 4 Gb (ampliable con tarxetas microSD) completan un teléfono intelixente do que aínda non se coñece o seu prezo de venda.
O terminal tamén inclúe acelerómetros para que a súa pantalla rote automaticamente, o seu control se pode facer dende a súa pantalla táctil ou mediante un trackball e incluso serve coma un bo reprodutor multimedia que pode reproducir e gravar vídeo MPEG-4 H.264 e reproducir música nos formatos máis populares (AAC, AMR, EVRC, QCELP, AAC+, MP3, MIDI, PCM e WAV).

PUBLICIDADE