Asus Taichi: Ultrabook por diante, tablet por detrás

luns, 4 de xuño do 2012 Marcus Fernández

Para comezar con forza a feira de tecnoloxía de Taipei, o Computex, Asustek levou varios produtos preparados para o futuro Windows 8, entre os que destacou o Asus Taichi, unha especie de ordenador portátil delgado na liña dos actuais Ultrabooks que integra na súa tapa dúas pantallas, unha por diante e outra por detrás, sendo esta última táctil para permitir o seu uso a xeito de tablet. O equipo funciona cun procesador Intel Core i7, 4 Gb de RAM, unidade SSD, 2 portos USB 3.0, cámaras delanteira e traseira capaces de operar a Full HD, Wi-Fi N de dobre banda e 2 configuracións dispoñibles: 11,6 ou 13,3 polgadas.

O Asus Transformer Book vén a ser un Transformer Prime con Windows 8

Aparte deste impresionante equipo, Asustek tamén amosou o Asus Transformer Book (unha variación do popular Asus Transformer preparado para Windows 8, con procesadores Intel no seu interior e con tamaños de pantallas de entre 11,6 e 14 polgadas), o Asus Tablet 600 (tablet con pantalla Super IPS de 10,1 polgadas cunha resolución de 1.366 x 768 píxeles, procesador nVIDIA Tegra 3, 2 Gb de RAM e cámara de 8 Mpíxeles, que funcionará con Windows RT e ao que pode engadirse un teclado externo para convertelo nunha especie de ultraportátil) e o Asus Tablet 810 (versión superior ao anterior que incrementa a súa pantalla a 11,6 polgadas e será compatible con stylus de Wacom).
Aínda que os produtos que Asustek pretende achegar con Windows 8 resultan moi interesantes, curiosamente chamou máis a atención nas últimas horas unha desafortunada mensaxe a través de Twitter da compañía, na que facían un chiste sexista, e que foi eliminado rapidamente (o que só contribuíu a facer falar máis sobre o asunto).

PUBLICIDADE