Assassin’s Creed converterase nun xogo como servizo

mércores, 7 de xullo do 2021 Marcus Fernández

Unha filtración levou a que Ubisoft tivese que confirmar publicamente que están a traballar nun proxecto que responde ao nome de Assassin’s Creed Infinity, que supón a transformación da franquía de Assassin’s Creed nun xogo como servizo, na liña do que actualmente podemos ver con Fortnite e GTA Online, ou sexa, que en vez de lanzar diferentes edicións case anuais será un xogo que irá recibindo contidos periodicamente.
Nesta nova produción están a traballar os equipos de Ubisoft Quebec e Ubisoft Montreal, involucrando a numerosos profesionais de anteriores entregas da franquía dun xeito bastante diferente a como desenvolveron os xogos clásicos, nos que os títulos estaban centrados nun único estudio, e agora están a enfocarse máis no talento e o liderado con independencia da sede na que estea presente.
Polo momento Ubisoft non deu detalles sobre a transformación do modelo de negocio de Assassin’s Creed, entendéndose que é algo que irán perfilando durante os vindeiros anos, xa que este proxecto aínda está nas súas fases iniciais de desenvolvemento, descoñecéndose polo momento se antes de Infinity chegará algunha entrega tradicional da franquía (aínda que si confirmaron estar a traballar en novos contidos para Assassin’s Creed Valhalla).

PUBLICIDADE