Assassin’s Creed Valhalla trasladaranos á invasión viquinga de Inglaterra

xoves, 30 de abril do 2020 Marcus Fernández

Ubisoft presentou o que será a vindeira entrega dunha das súas franquías de máis éxito, Assassin’s Creed Valhalla, que levaranos á Inglaterra do século IX, onde controlaremos ao viquingo Eivor, quen liderará ao seu clan na súa conquista de terras inglesas nunha invasión brutal que poderemos vivir a finais de ano en PS4, PS5, Xbox One, Xbox Series X, PC e Stadia, ou sexa, que teremos aquí un grande exemplo de título interxeneracional, o que probablemente sexa a norma nesta campaña de Nadal. No caso das consolas Xbox estaremos ante un xogo con Smart Delivery, ou sexa, que quen o merque para Xbox One poderá ter de balde a versión de Xbox Series X cando renove a súa consola, o que pode ser un incentivo para a compra do xogo na plataforma de Microsoft.
Assassin’s Creed Valhalla métenos na pel de Eivor, lenda viquinga na procura de gloria (e da que poderemos elixir se é home ou muller), que explora a Inglaterra dos seus anos escuros mentres saquea aos inimigos, fai prosperar o seu asentamento e consolida o seu poder político.
No xogo poderemos dirixir épicos saqueos viquingos contra fortalezas e tropas saxoas, loitar a dúas mans con poderosas armas e revivir o brutal estilo de combate dos viquingos, moldear ao personaxe con cada decisión ara forxar o seu camiño cara a gloria, explorar un grande mundo aberto (que vai dende as costas de Noruega até os reinos de Inglaterra) e personalizar a experiencia segundo vaimos facendo prosperar o asentamento do clan.
Este ambicioso xogo está xa dispoñible en reserva, con diversidade de edicións, de xeito que poderemos facernos cunha edición estándar que incluirá como contido adicional a misión A Senda do Berserker; a edición Gold incluirá tamén un pase de tempada que incluirá contidos que irán chegando progresivamente tras o lanzamento do xogo; a edición Ultimate incluirá tamén unha chea de complementos para o xogo; e, finalmente, a edición para coleccionistas, contará con extras físicos, como unha figura de 30 centímetros da versión feminina de Eivor, unha pequena figura (5 centímetros) de Eivor, unha caixa única, un steelbook, 3 litografía e unha selección de temas das banda sonora do xogo.

Tráiler do xogo

PUBLICIDADE