Assassin’s Creed Liberation estreará versión en alta definición a semana que vén

venres, 10 de xaneiro do 2014 Marcus Fernández

O xogo Assassin’s Creed III tiña un xogo irmán para dispositivos móbiles, Assassin’s Creed Liberation, que non só era exclusivo para PlayStation Vita, senón que tamén destacaba por ser a primeira entrega da franquía en contar cun protagonista feminino e, para que case todos os seareiros da saga poidan gozar desta historia aínda que non teñan a consola portátil de Sony, a partir do vindeiro día 15 será posible mercar para PC, Xbox 360 e PlayStation 3 Assassin’s Creed Liberation HD, unha versión remasterizada deste título adaptada ás plataformas de alta definición.
Esta aventura afástase dos acontecementos que desencadearon a Guerra da Independencia no norte, e sitúase no sur, nun momento no que o exército español planea tomar o control de Luisiana, o que intentará evitar a asasina de ascendencia francesa e africana Aveline, que controlarase coma se fosen 3 personaxes distintos, con diferentes habilidades e armas: a dama, a escrava e a asasina.
Este título distribuirase exclusivamente en formato descargable a un prezo de 19,90 euros.

PUBLICIDADE