Assassin’s Creed III vende 3,5 millóns de unidades no seu lanzamento para PS3 e Xbox 360

mércores, 7 de novembro do 2012 Marcus Fernández

Yves Guillemot, director xeral de Ubisoft, deu a coñecer os seus resultados económicos para o semestre que remata o 30 de setembro (que poden descargarse en formato PDF), de xeito que incluirían o lanzamento do xogo Assassin’s Creed III, que confirma ser un dos meirandes éxitos do ano cunhas vendas estimadas de máis de 3,5 millóns de unidades, dobrando as vendas que o ano pasado acadou Assassin’s Creed II: Rebelations, polo que a franquía estaría a ir por moi bo camiño, e iso que aínda non chegaron as súas versións para PC e Wii U (que sairán á venda a finais de mes).
Pese ao bo funcionamento da saga de Assassin’s Creed, dende Ubisoft estarían a rexistrar unhas perdas operativas de 58,1 millóns de euros, superiores aos 49,3 millóns do mesmo período do ano anterior, o que ten múltiples xustificacións entre as que estarían os gastos en investigación e desenvolvemento, pois non podemos esquecer que o lanzamento da Wii U está ás portas, e Ubisoft é unha das compañías que apostou por esta plataforma con 7 xogos de lanzamento.
Ubisoft tamén ten na carteira Far Cry 3, xogo para PC, Xbox 360 e PlayStation 3 que tamén sairá este mes e que polo momento está a ter moi boas críticas, polo que podería contribuír a mellorar os resultados da compañía na campaña de Nadal e, de feito, veñen de elevar as previsións de vendas da compañía para o ano completo, pois grazas á fortaleza de Assassin’s Creed III, Far Cry 3 e o xogo musical Just Dance 4 é de agardar que pese as dificultades actuais do sector Ubisoft poda rematar o ano coa cabeza ben alta.

PUBLICIDADE