Aseguran que Ninja cobrou 1 millón de dólares para promocionar Apex Legends

xoves, 14 de marzo do 2019 Marcus Fernández

O éxito do lanzamento de Apex Legends considerouse asociado en boa medida a unha campaña de promoción na que populares streamers probaron o xogo de Electronic Arts para dalo a coñecer entre os seus millóns de seareiros, conseguindo así desprazar a Fortnite como xogo de moda, e agora Reuters dá un detalle sobre a potencia desta campaña promocional: o streamer estadounidense Richard Tyler Blevins, máis coñecido polo alcume Ninja, con máis de 21 millóns de seareiros en YouTube (e 13 millóns en Twitch), tería cobrado un millón de dólares.
Temos así que a actividade nas redes sociais de Ninja e unhas poucas horas de xogo teríanse valorado nun millón de dólares, o que pode parecer esaxerado agás que teñamos en conta que o pulo inicial que os influencers aplicaron a Apex Legends conseguiu que o xogo superase os 10 millóns de usuarios en 3 días e os 50 millóns en poucas semanas (o que podería traducirse en centos de millóns de dólares en ingresos para EA).
Nin Electronic Arts nin Ninja confirmaron a cantidade acordada entre as partes, pero cómpre salientar que non foi o único streamer contratado por EA e, de feito, a compañía contou con moitos dos máis populares, especialmente en xogos tipo battle royale, aos que resulta doado captalos a probar unha nova experiencia free-to-play de amosar o reclamo de retransmisións divertidas por parte de recoñecidos influencers.
Apex Legends aínda está lonxe de chegar aos 200 millóns de usuarios de Fortnite (especialmente porque non está presente en dispositivos móbiles), pero a súa visibilidade está a ser moi grande, e parece ter conseguido eclipsar a Fortnite neste arranque de ano, despois de que Fortnite tivese un brutal impacto na industria do lecer electrónico en 2018, facendo que franquías moi consolidadas caesen fortemente en vendas ao non ser capaces de captar aos xogadores que xa tiñan o seu tempo de lecer ocupado cun xogo free-to-play.

Un dos vídeos de Ninja xogando a Apex Legends

PUBLICIDADE