As xornadas FIC onDev amosarán na Coruña os novos vieiros da actividade informática

martes, 6 de marzo do 2012 Fernando Sarasketa

JPEG - 29.3 KB
A Facultade de Informática da Coruña nunha foto de csmartinez vista en Panoramio

A Facultade de Informática da Coruña ferve de actividades arredor das novas tecnoloxías: afondando nelas, buscando as máis rendíbeis e eficaces para a nosa terra, debatendo, desenvolvendo, colaborando. Se onte mesmo falabamos dunha xuntanza sobre TICs aplicadas á lingüística, agora toca facelo da segunda edición das Xornadas de Desenvolvemento FIC OnDev, previstas para os días 14,15 e 16 de marzo, sendo un dos seus grandes obxectivos o de rexistrar e salientar aqueles eidos laborais actuais nos que a enxeñaría informática ten presenza relevante e claras posibilidades de crecemento. Entre as cuestións específicas a tratar inclúense a vida artificial, o deseño e o traballo con servomotores, as posibilidades das aplicacións Android ou a simulación aérea.
As xornadas, de participación cen por cen aberta, contan coa colaboración as empresas Imaxin e CodeNostrum, dúas compañías que xa se comprometeron a achegar todo tipo de información de valor sobre os traballos que están a desenvolver arestora. O horario dos relatorios, informa a organización é de 15.30 a 20.30, cada un dos días devanditos. O acceso será de balde e libre, sendo o salón de actos da FIC o centro de operacións das xornadas. A única excepción é o obradoiro sobre desenvolvemento de ferramentas do sistema libre Android, que se vai realizar nos laboratorios da facultade, tendo por este motivo prazas limitadas.
Segundo apunta o equipo responsábel das xornadas, en breve informarase sobre o xeito que teremos de inscribírmonos e de dar conta dos horarios. Ao abeiro deste evento, por certo, proxectaranse documentais para botar luz sobre importantes eidos de actividade relacionada coas novas tecnoloxías do coñecemento. Por exemplo: o eido dos vídeo xogos independentes. “Cómpre lembrar que falamos dunha das industrias de meirande potencial de medre dentro do ámbito da informática”, explica a organización do evento. A continuación damos conta do programa, punto por punto.

Mércores 14-Marzo
15:30 – 15:45 Presentación e Preparación
15:45 – 16:45 Documental
16:45 – 17:00 Preguntas e Preparación
17:00 – 19:15 Supercomputación ¿TopSecret? (Guillermo Taboada - Profesor da FIC)
19:15 – 19:30 Preguntas e Preparación
19:30 – 20:30 Simulación Aérea; Militar e Civil (José María García)
20:30 Preguntas

Xoves 15-Marzo
15:30 – 15:45 Presentación e Preparación
15:45 – 16:45 Documental
16:45 – 17:00 Preguntas e Preparación
17:00 – 18:00 Vida Artificial: Que estuda esta disciplina nova? (José Santos Reyes - Profesor da FIC)
18:00 – 18:15 Preguntas e Preparación
18:15 – 19:15 Traballo Con Motores Paso a Paso e ServoMotores (Jorge Parada - Alumno da FIC)
19:15 – 19:30 Preguntas e Preparación
19:30 – 20:30 Documental
20:30 Preguntas

Venres 16-Marzo
15:30 – 15:45 Presentación e Preparación
15:45 – 16:45 Desenvolvemento dun Shell (Francisco Cedrón Santaeufemia - Alumno da FIC)
16:45 – 17:00 Preguntas e Preparación
17:00 – 18:00 Open Source Machine Translation (José Ramón Pichel - Imaxin)
18:00 – 18:15 Preguntas e Preparación
18:15 – 19:15 Obradoiro de Iniciación ao Desenvolvemento en Android (David Hermida Mourelle "Mou" - Co-Fundador de CodeNostrum)

PUBLICIDADE