As unidades Samsung SSD 990 PRO terán versión con 4 TB de capacidade

mércores, 6 de setembro do 2023 Marcus Fernández

Aínda que estamos afeitos que á hora de escoller entre unidades SSD e discos duros tradicionais temos que pór na balanza a velocidade e a capacidade de almacenamento, as unidades SSD cada vez conseguen maiores capacidades de xeito que facilítase a elección entre as distintas tecnoloxías, facendo cada vez máis doado deixar os discos duros de lado no día a día.
Samsung ten algunhas das unidades SSD de referencia no mercado, e a serie SSD 990 PRO, que goza do alto rendemento do PCIe 4.0 con tecnoloxía V-NAND de oitava xeración vén de incrementar a súa capacidade máxima até os 4 TB, satisfacendo así as demandas de xogadores e creadores de contidos.
Estas unidades SSD permiten velocidades de lectura secuencial de até 7.450 MB/s e de escritura de até 6.900 MB/s, prometendo tamén unha grande fiabilidade e duración. De feito, as novas unidades prometen unha maior eficiencia enerxética, cunha mellora de rendemento de até o 50% fronte á xeración anterior, e incluso integra unha etiqueta disipadora de calor na súa parte traseira, conseguindo así un nivel óptimo de temperatura e unhas variacións mínimas do rendemento ao longo do tempo.
Tamén contará cunha versión equipada cun delgado disipador de calor, que sería ideal para usos intensivos como a informática de alto rendemento e os videoxogos, sendo este modelo compatible coas consolas PlayStation 5.
As novas unidades Samsung SSD 990 PRO de 4 TB sairán á venda no mes de outubro.