As unidades SSD 980 Pro de Samsung chegan a velocidades de lectura de 7.000 MB/s

mércores, 23 de setembro do 2020 Marcus Fernández

Que as unidades SSD son moito máis rápidas que os discos duros tradicionais é algo que ninguén discute, pero as unidades Samsung SSD 980 Pro, ao facer uso do bus PCIe 4.0 NVMe consegue que os consumidores e profesionais que busquen rendementos máximos para traballar con contidos en 4K ou 8K, ou para gozar dos videoxogos máis esixentes graficamente poidan gozar de velocidades incribles.
Estas novas unidades SSD en formato M.2 conseguen velocidades de lectura e escritura secuenciais de até 7.000 MB/s e 5.000 MB/s, así como velocidades de lectura e escritura aleatorias de até 1.000K IOPS, de xeito que serían até o dobre de rápidas que as SSD PCIe 3.0 e até 12,7 veces máis rápidas que as unidades SSD SATA.
Aparte dun mellor rendemento as unidades SSD 980 Pro de Samsung tamén incorporan solucións de control de temperatura para conseguir unha maior fiabilidade (como unha capa de níquel no controlador e un disipador na parte traseira da unidade, para un control térmico eficaz).
Inicialmente chegarán ao mercado en capacidades de 250 GB, 500 GB e 1 TB, chegando máis adiante unha versión de 2 TB, e o prezo de partida será de 89,99 dólares, o que semella aceptable para unidades de tan extraordinario rendemento.

Vídeo promocional das unidades SSD 980 Pro de Samsung

PUBLICIDADE