As tendas dixitais destacarán que non venden a propiedade real dos xogos

venres, 11 de outubro do 2024 Marcus Fernández

Un par de semanas atrás Valve actualizou o Acordo de Subscritor a Steam, asegurando que as modificacións se referían principalmente ao xeito no que se resolven as disputas entre Valve e os usuarios de Steam, o que basicamente supón a eliminación da resolución de conflitos a través de arbitraxes individuais, polo que agora será preciso recorrer á vía xudicial, eliminando a renuncia á demanda colectiva que incluían as condicións anteriores.
Pero un detalle importante do Acordo de Subscritor de Steam segundo os medios de comunicación estadounidenses é que podería estar a preparar o terreo para unha reforma lexislativa en California que obrigaría ás compañías a deixar claro que os compradores non posúen os contidos dixitais, senón que só adquiren unha licenza de uso.
Nas normas do servizo podemos ler que «a licenza non lle concede a titularidade nin a propiedade dos contidos e servizos», detallándose tamén que «os fondos ingresados na carteira de Steam non constitúen un dereito de propiedade persoal, non teñen valor fóra de Steam» e tampouco se aceptarían as transferencias de subscricións realizadas «fóra do contorno de Steam».
Os cambios nas condicións dos servizos buscarían deixar claro algo do que os consumidores non estamos debidamente informados: as adquisicións de produtos dixitais non son compras tradicionais, senón que só ofrecen un dereito de uso que pode ter un alcance limitado no tempo, como se demostrou recentemente co peche de servidores de The Crew, xogo para consolas PlayStation que agora é imposible de xogar por parte de calquera que o mercase no pasado.