As tecnoloxías na conservación do patrimonio centran unha nova xornada do Consello da Cultura

luns, 25 de xaneiro do 2021 Sandra Rivadulla

Baixo o título Que poden facer as técnicas de análise non destrutiva pola restauración e conservación do Patrimonio achégase esta semana unha nova sesión dos Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural. Unha cita organizada pola Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG) que pretende mostrar, a través de casos prácticos realizados dentro e fóra de Galicia, como a tecnoloxía destinada á conservación e recuperación axuda a coñecer mellor o patrimonio. O acto celebrarase mañá, martes 26 ás 18:00 horas e será en directo, pero os vídeos das intervencións dos participantes estarán xa dispoñíbeis desde hoxe.
En concreto, a restauración permitirá afondar no coñecemento do patrimonio e abrirá a posibilidade de formular novas estratexias e sistemas de intervención. O obxectivo principal é poñer de relevo a información que se obtén dunha obra na análise científica previa a restauración. Por iso, distintos especialistas integrantes do Grupo de Estudos Medioambientais aplicados ao Patrimonio Natural e Cultural (GEMAP) da Universidade de Santiago de Compostela ofrecerán a información en diferentes ámbitos concretos. Así, Beatriz Prieto Lamas, falará de como as tecnoloxías portátiles de monitoraxe axudan a resolver problemas relacionados con humidades e colonización biolóxica. Mentres, Patricia Sanmartín Sánchez abordará a información sobre a cor no patrimonio. A súa vez, Daniel Vázquez Nion presentará unha ferramenta indispensábel como é a fluorescencia de raios X portátil, que serve para coñecer a composición do patrimonio cultural inmóbel.
Aquelas persoas que queiran participar poderán facelo enviando o seu comentario a participa@consellodacultura.gal ou contactando a través das redes sociais do Consello de Cultura.

PUBLICIDADE