As startups galegas lanzan concurso para converter aos escolares en investigadores espaciais: o programa Hamsternauta

mércores, 31 de xaneiro do 2018 Fernando Sarasketa

Este 2 de febreiro celébrase o oitavo aniversario do evento Laconnetwork, tal e como avanzamos os días pasados dende Código Cero, detallando o programa de actividades, e entre as cousas que vai acoller esta oitava edición e que non podemos deixar de lado atópase sen dúbida a presentación do Programa Especial Hamsternauta (HANA). De que se trata o programa Hamsternauta? Pois basicamente de facilitar aos centros de educación secundaria os recursos precisos para converter o soño espacial do seu alumnado en realidade: o soño de contribuír, cos seus recursos, á carreira espacial e ao coñecemento do que está alén das nosas nubes.
Máis polo miúdo, a través desta iniciativa poderán enviar fóra da Terra o dummy dun hámster coa axuda dunha sonda e un globo meteorolóxico. O programa vén da man das startups da Asociación Galega de Innovadores en TICs. O reto do alumnado participante: lograr a misión máis completa.
Segundo nos explica Frankie Gómez dende a organización, a clave para acadar a misión máis completa e as mellores valoracións do xurado reside nas seguintes tarefas: ensamblaxe de compoñentes informáticos con programacións sinxelas, adestramento do Hamster, cálculos de gases, aceleracións, deceleracións, xeolocalización e “unha longa listaxe de posíbeis investigacións tan reais como as que até hai moi pouco só eran posíbeis para as axencias espaciais”.
Como dixemos, os instrumentos básicos a empregar son un globo meteorolóxico e unha sonda desenvolvida polos propios escolares. A súa misión consistirá en recuperala e manter con “vida” o seu boneco-hámster, polo que terán que avaliar ao detalle cada fase do proxecto.
A xeito de respaldo tecnolóxico, achegando a súa bagaxe, as empresas da dita asociación (asiduas dende hai oito anos ao evento Laconnnetwork, estreitando ligazóns e xerando colaboracións) subministrarán dende diferentes áreas de actividade os elementos técnicos, os coñecementos en programación e as sinerxías precisas para que este proxecto colectivo se converta en éxito.
Entre estas firmas innovadoras atópanse, por exemplo, Fitting Pup, adicada a facer seguimento da saúde das mascotas (será a encargada de prover o dummy e a sonorización do hámster); Lupeon ou IPglobal, que interveñen fornecendo de compoñentes de impresión 3D ou aditiva, así como compoñentes tecnolóxicos de última xeración, entre os que se contan sensores, placas e sistemas de alimentación para que os enxeños soporten os menos de setenta graos que pode acadar a sonda a 30.000 pés de altura (unha altura dúas veces máis grande cá aquela na que adoitan voar os avións). Tamén contribuirán ao proxecto APDTIC, Confirmsign, Mememtum, Taniwa, Filament2print, Tuco Systems, Primate, Cactus Digital ou Imaxin.
Para elixir o proxecto gañador, teranse en conta aspectos como o investimento en compoñentes, o número de participantes por grupo, cantos mozos e mozas concorren no grupo, os experimentos e cálculos realizados antes da misión, o grao de colaboración con outros equipos, se é a súa primeira sonda ou é un reincidente, etc. “En resumo”, lembran a organización, “trátase dunha verdadeira carreira espacial divertida para nenos, pero coma nos anos sesenta”.
Como parte do proxecto está previsto realizar un campamento científico a finais de curso cos colexios que finalicen as sondas onde expertos de diferentes áreas darán o visto e prace definitivo aos lanzamentos. Aqueles que consigan un maior éxito da misión, poderían gozar dunha viaxe ás instalacións da NASA ou a unha das axencias espaciais da nosa contorna.
HANA é un programa educativo que achega a ciencia e a tecnoloxía de maneira divertida aos nenos de educación secundaria a través do desenvolvemento dunha misión espacial real.

PUBLICIDADE