As salas de audio en directo de Facebook botan a andar nos EE.UU.

luns, 21 de xuño do 2021 Marcus Fernández

A emerxencia de Clubhouse provocou o xurdimento de numerosos servizos en liña centrados no audio, sendo os máis destacados actualmente Twitter Spaces e Greenroom de Spotify, pero nos EE.UU. está a chegar un importante competidor, Facebook, que está a comezar a permitir aos usuarios estadounidenses a apertura de salas de audio en directo dentro dos grupos, característica que semella calcada á dos servizos anteriores, co detalle de que nas salas de Facebook o número de falantes máximo é de 50, non existindo límite de oíntes.
Esta característica depende da privacidade de cada grupo, ou sexa, que nos grupos privados as salas de audio en directo manteranse só para membros do grupo, mentres que en grupos públicos serán accesibles para calquera, e durante as retransmisións será posible apoiar a causas para que os participantes poidan realizar doazóns. Os oíntes tamén poderán mercar estrelas para envialas aos organizadores das salas, no que semella unha mecánica de monetización semellante á que o público está afeito en Twitch.
A esta funcionalidade úneselle tamén a posibilidade de reproducir podcasts dende a propia aplicación de Facebook, que pode converterse nun reprodutor multimedia a pantalla completa ou a presentar un pequeno reprodutor mentres continúa a empregarse a aplicación. Polo momento é unha prestación limitada a EE.UU. e a un reducido número de podcasts, estando previsto que durante o verán vaian incorporando máis podcasts e funcións que axuden a que os podcasts poidan ser máis sociais, deixando claro que Facebook non quere quedar fóra do mercado do audio social que aínda está por consolidar.

PUBLICIDADE