As redes para procurar traballo, ao detalle na Feira de Emprego da Cámara de Comercio

luns, 25 de marzo do 2019 Fernando Sarasketa

A mocidade que queira formarse en ferramentas e metodoloxías que axuden a atopar traballo, van ter oportunidade de facelo na cuarta edición da Feira de Emprego da Cámara de Comercio, que se celebrará o vindeiro 4 de abril en Carballo. Será unha cita cos novos xeitos de promover as nosas capacidades, coas redes sociais e o seu potencial curricular e cos recursos que nos axuden a deixar a mellor pegada nunha entrevista laboral. A xuntanza celebrarase no Fórum Carballo e contará coa presenza de expertos en empregabilidade, xestión de emocións e autoemprego, entre outras áreas.
Segundo informa a Concello, o programa da feira “está deseñado para que a mocidade participante que nin estuda nin traballa atope no evento unha oportunidade laboral”. Para este fin, o formato do encontro será, en boa medida, de encontros abertos entre demandantes de traballo e empresas e entidades potencialmente contratadoras. A idea é non limitarse a recoller currículos, senón a que haxa entrevistas directas coas e cos candidatos.
A apertura da feira (sobre as 10.00) correrá a cargo do presidente e do director da Cámara de Comercio, Antonio Couceiro e Gonzalo Ortiz, respectivamente, nun acto ao que asistirá o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero. Logo, ás 11.00 horas, comezarán as conferencias, que tratarán asuntos como a elaboración de currículos (a cargo de Inmaculada Rodríguez, directora de Emocciación), a motivación e a autoestima (Eva García) ou o emprego de redes sociais para os procesos de procura de emprego (a cargo de Noemí Belas, directora da nova firma Líbolis, pequenos emprendedores).
Pola súa banda, Luís García e Rafael Vázquez, da Fundación Ronsel, explicarán as claves para montar unha empresa, e o director da Oficina de Emprego de Carballo da Xunta, Benigno Lubián, pechará o programa cunha radiografía do mercado de traballo na comarca de Bergantiños.

PUBLICIDADE