As profesións de alta intensidade matemática son as que máis medran

luns, 10 de xuño do 2019 Fernando Sarasketa

Participantes na xornada de ITMATI na USC nunha imaxe de El Correo Gallego

O Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI), participado polas tres universidades galegas e con sede no Campus Vida da Universidade de Santiago, celebrou o pasado venres unha xornada para mostrar o potencial do cálculo no ámbito empresarial: as posibilidades dos números e das ferramentas intelixentes de computación para dar un importante extra de competividade, eficacia e excelencia ás nosas iniciativas de mercado. Na cita fíxose saber que as profesións de alta intensidade matemática (software, bases de datos, etc) son as que máis medrarán no futuro.
A xornada As matemáticas, vector estratéxico de progreso económico celebrouse na USC e desenvolveuse en colaboración coa Rede Estratéxica en Matemáticas (REM), a Rede Española Matemática-Industria (math-in) e o Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e Industrial (CDTI).
No seu transcurso mostráronse fitos de grande interese por parte deste eido de investigación. Por exemplo, amosouse como os matemáticos galegos foron quen de acadar maior rapidez e eficiencia na extinción dos lumes forestais, incrementando a seguridade das brigadas (Proxecto Enxame).
Ademais, déronse a coñecer os principais achados do estudo Impacto socioeconómico da investigación e a tecnoloxía matemáticas en España, informe elaborado pola consultora Analistas Financeiros Internacionais e promovido desde a Rede Estratéxica en Matemáticas.
Na inauguración participaron Peregrina Quintela, directora de ITMATI; e Elena Vázquez, decana da Facultade de Matemáticas da USC. O encargado de presentar o informe foi José Luís Ferrín, profesor titular de Matemática Aplicada da USC e investigador de ITMATI. Segundo fixo saber, os resultados máis relevantes deste informe son os relacionados “co impacto que esta ciencia ten na economía, cun 6% do emprego directo total, o que se traduce nun millón de persoas ocupadas”. No estudo tamén se di que as actividades económicas con maior impacto son a informática, as actividades financeiras, os servizos de telecomunicacións e a rama de enerxía eléctrica e gas. Amais, na investigación faise saber que os profesionais de alta intensidade matemática como especialistas en bases de datos, finanzas ou deseñadores de software son “as ocupacións máis produtivas e as que máis medrarán”. En termos de aplicabilidade no mercado, “as empresas que utilicen as matemáticas medrarán dúas veces cás demais”, engádese no informe.
Como dixemos, no transcurso da xornada presentáronse varias experiencias de éxito nas que as matemáticas foron “unha ferramenta clave de innovación”, froito do traballo conxunto entre investigadores de ITMATI e a industria. É o caso do devandito Proxecto Enxame, cuxos resultados se están a aplicar para a extinción de incendios forestais en Galicia e do que abrollaron xa sistemas intelixentes que permiten a cooperación entre as aeronaves e os efectivos de observación, axudando á caracterización do territorio e á rapidez e eficiencia das tarefas de extinción. Tal como explicou a investigadora María José Ginzo, os algoritmos desenvolvidos ao abeiro de Enxame permiten estimar o perímetro, os focos e área dun lume, identificar obstáculos como torres eléctricas ou antenas, até calcular o número de aeronaves que poden estar a participar ao mesmo tempo nunha operación de extinción ou controlar o combustíbel. Tamén permite estimar o fluxo de calor que emite a fronte de lapa, “de xeito que o brigadista saberá a que distancia poderá aproximarse para evitar dor, e mesmo calcular a ruta de escape máis segura para os efectivos ante unha situación de perigo”.

PUBLICIDADE