As primeiras vendas de xogos para Ouya están a decepcionar

martes, 23 de xullo do 2013 Marcus Fernández

A consola de videoxogos Ouya, tras conseguir preto de 8,6 millóns de dólares a través de Kickstarter converteuse en todo un fenómeno que prometía revolucionar o sector, pero agora que a consola xa está en produción e pode adquirirse con normalidade en establecementos físicos e a través da Internet chega o momento de facer balance, e os primeiros resultados que están a aparecer nos medios non parecen moi optimistas.
Por unha banda temos que as vendas da consola Ouya nos EE.UU. están a ser febles, descoñecéndose a base de consolas instalada, que non parece ser moi grande, e o único xogo que parece estar a ter unha boa resposta nesta plataforma é TowerFall, que destacaba por ser o xogo insignia durante o lanzamento da consola, e do que conseguiron vender unhas 2.000 unidades a un prezo de 15 dólares cada unha, o que son uns datos moi modestos, pero que están relativamente ben, e poderían levar aos desenvolvedores a levar o xogo ao PC.

TowerFall é un dos xogos insignia de Ouya

Algo semellante aconteceu con Nimble Quest, xogo que na primeira semana en Ouya tivo 6.508 descargas, 122 compras e un beneficio de 427 dólares, o que deixa claro que non estamos ante unha plataforma rendible, pero que si pode servir como un campo de probas para títulos multi-plataforma (o xogo en cuestión está desenvolvido con Unity, o que facilita o seu salto a varios sistemas sen grande dificultade).
Outros desenvolvedores independentes están a dar os seus datos de vendas, de xeito que sabemos que The Men Who Wear Many Hats só vendeu 501 copias de 13.112 descargas (o que decepcionou ao seu desenvolvedor polo traballo que lle deu engadir o soporte para mando no seu xogo para Android); o xogo Bombball tamén está a ter unhas vendas decepcionantes; Hidden In Plain Sight conseguiu vender 1.900 unidades xerando unhas vendas de 4.381 dólares (un dos poucos casos nos que o desenvolvedor recibiu unha mellor resposta da agardada); Get on Top conseguiu converter 9.700 descargas en 520 vendas ingresando 728 dólares netos; e os responsables de DubWars láianse de ter unha taxa de conversión inferior ao 1%.
A tenor destes datos podemos entender que a Ouya é un bo campo de probas, pero unha mala plataforma para conseguir rendemento económico, pois se os resultados son malos cando hai poucos xogos no seu catálogo, cando os títulos dilúanse nunha colección máis ampla aínda podería ser máis difícil conseguir xerar ingresos económicos que compensen o seu desenvolvemento.

PUBLICIDADE