As predicións tecnolóxicas de 2013 agoiran a costa abaixo do WhatsApp

xoves, 3 de xaneiro do 2013 Fernando Sarasketa

En ningunha época veñen tan a conto as predicións coma nesta e en ningunha está tan xustificado que cada quen se poña en plan clarividente. De facérmolo en maio, ou nas xornadas previas a Semana Santa, ninguén che tería en conta. O bo das predicións, cómpre dicilo ben claro, é que nos permiten eliminar a medio e longo prazo cousas que non nos gusten. Se logo non seu cumpre o agoiro, tanto dá. O ano 2013 semella un bo ano para eliminar servizos ou tecnoloxías que non nos convenzan. Diso, en parte, tratan as predicións que lanzan dende o blog da CMT, 13 agoiros de toda índole, facendo rima doada co ano entrante, que xiran arredor dunha cuestión estrela: o WhatsApp, esa carta que se gardaban as operadoras e fabricantes para que non nos afastáramos dos trebellos, ten os días contados.
Cómpre lembrar que o dito servizo non é o primeiro morrer. Hai anos tamén se anunciou a inminente morte dos SMS. Conclusión: as predicións cómpre collelas con pinzas e probablemente se deban máis os devezos inconscientes de cada quen ou a escuros intereses particulares (eses amigos que prefiren fozar no trebello que escoitar o noso último chiste, o éxito dunha ferramenta que a nós non nos dá chegado, e iso que o noso servizo era potencialmente mellor... etc). As predicións da CMT, con todo, teñen a vantaxe de vir dunha entidade máis ou menos independente, polo que non terían que cantar tanto como as que fan as empresas ou os profesionais interesados. Porén, cómpre ter en conta que están feitas a partir das opinións dos analistas do sector TIC: redes e telecomunicacións. Damos conta delas.
1. Apágase o brillo de WhatsApp
Predición de Informa, que sostén que a burbulla ao redor des servizos como WhatsApp continuará espallándose. Porén, porase de manifesto o comportamento caprichoso e fragmentado do consumidor, que atopará novas (e vellas) formas de comunicarse. Ou sexa, que tanto pode ser que botemos man de novos servizos, innovadores, como que volvamos a facer iso que xa tiñamos esquecido: falar e escoitar.
2. Netflix e Google seguirán investindo en redes
En 2013 haberá máis e mellores redes, apoiadas polos grandes da Internet. Haberá máis fibra óptica nas cidades, ampliándose o traballo de cobertura e equipamento levado a cabo na actualidade.
3. O Wi-Fi, vítima do seu propio éxito
O ter acceso a Wi-Fi gratuíto en cada recuncho da cidade é algo que os usuarios xa dan por feito, opina Informa. Pero mentres algúns operadores móbiles en 2013 seguirán apostando por redes Wi-Fi, outros tomarán o camiño contrario: pór en valor a súa rede de móbil.
4. Redes compartidas, danos compartidos
Unha rede móbil diferenciada será fundamental para dar unha experiencia de calidade. Algo que non se pode asegurar ao 100% cando a rede é compartida por varios operadores. De modo que os investimentos compartidos en redes “desprazarase cara aos mercados emerxentes, especialmente África”.
5. Deixar de subvencionar móbiles non sae gratis
En Europa, cóntanos a CMT, estamos a vivir unha transición desde o móbil subvencionado polos operadores ao móbil financiado. Pero esta forma de fornecer os terminais aos usuarios “terá un custo para os operadores”. Informa aposta por que empresas como Amazon, Apple ou Google revolucionarán os modelos de distribución tradicionais en 2013.
6. Netflix non é o inimigo
As grandes operadoras establecerán alianzas con Netflix ao longo de 2013.
7. Ningunha cidade sen cobertura
Ericsson fixo unha enquisa entre os habitantes das grandes cidades sobre que é o que máis aprecian do seu lugar de residencia. A cobertura móbil ergueuse até o 4º posto, por detrás da dispoñibilidade de restaurantes, tendas e lugares de lecer.
8. As mulleres, clave no mercado dos smartphones
As mulleres mandan máis SMS, máis fotos, fan máis uso das redes sociais. Informa Ericsson.
9. In-line shopping
Segundo Ericsson, os nosos hábitos de compra en 2013 serán unha mestura entre tendas en liña e tendas offline. Compararemos prezos en liña ás 3 da mañá sen xente ao noso arredor vendéndonos motos e poñéndonos contra as cordas para logo, xa polo día, probar se o produto elixido nos acae como é debido na tenda física.
10. Máis Wi-Fi e máis roaming entre redes Wi-Fi
Dado que as redes Wi-Fi chegan a todas partes, falta que os nosos dispositivos sexan quen de dar o chimpo dunha destas redes a outra sen cortes e sen que sexa preciso contrasinal nin permiso de acceso. Neste ano que comeza avanzaremos cara a isto. Cóntao Gigaom.
11. Os OMVs locen máis
Gigaom di que as novidades máis interesantes virán da man dos OMVs, que traerán novos modelos de negocio. Na liña de Karma, co que os usuarios comparten unha conexión 4G con descoñecidos e son recompensados por iso. Ou FreedomPop, que regala os primeiros 500 MB de datos nunha rede de 4G e a partir de aí custa 10 dólares cada xiga de datos adicional.
12. Unha tarifa, varios dispositivos
En 2013 veremos máis tarifas deste tipo, no que se paga un único acceso a internet móbil e compártese entre varios dispositivos.
13. Máis banda larga móbil e máis barata

PUBLICIDADE