As operadoras estiman que 1.000 fogares por nodo poderían verse afectados polas interferencias do 4G na banda dos 800

mércores, 22 de xullo do 2015 Redacción

Chega finalmente á nosa terra (comezando pola cidade de Ourense) a tecnoloxía 4G pola banda dos 800 HHz (cousa propiciada pola liberación do famoso Dividendo Dixital) e a pregunta que nos podemos facer agora é: Vai haber interferencias motivadas pola ocupación da dita tecnoloxía 4G da banda de frecuencias finalmente despexada para tal fin? Segundo se conta, malia os recursos postos en xogo para manter arredadas as posíbeis incidencias, as operadoras calculan que preto de 1.000 vivendas poden verse afectadas polas interferencias provocadas nas emisións de TDT por cada nodo habilitado. Iso si, polo de agora a solicitude para adaptación destes aínda non é relevante. A cifra é de medio centenar de fogares sobre unha base de 80.000 nos que se fixo seguimento.
Con todo, e segundo informou a Europa Press a entidade xestora do proceso Chega800, estímase que a cifra irá en aumentado conforme se vaia coñecendo a campaña por outros medios. Como dixemos, a xestora habilitada polas operadoras calcula que serán unhas 1.000 as vivendas que poderán verse afectadas polas devanditas interferencias por cada nodo habilitado. Chega800 lembra por outra banda que con nodo posto en marcha faise o estudo preventivo de posíbeis fogares con incidencias, “e este muda segundo o emprazamento do nodo, posto que no ámbito rural a afectación pode ser mínima mentres que no eido urbano medra de xeito considerábel”.
No caso de Telefónica, os seus primeiros 25 nodos nesta banda de frecuencias acéndense nas zonas de costa. Nesta primeira fase, os clientes que disporán de mellores coberturas e máis velocidade serán os situados en puntos de Alacante, Castelló, Valencia, Xirona, Tarragona, Almería, Cádiz, Málaga, Huelva e Murcia. Vodafone, pola súa banda, fornece cobertura total 4G sobre a banda 800 MHz en Ourense, estendendo de xeito progresivo a cobertura ao resto de Galicia. Orange fixo saber que o acendido desta banda darase en localidades da Coruña, Asturias, Cantabria, Burgos e Barcelona, até chegar a 25 concellos no mes de xullo.

PUBLICIDADE