As novidades de PS4 e PS VR chegan a través da primeira entrega de State of Play

luns, 25 de marzo do 2019 Marcus Fernández

En 2018 Sony non celebrou a súa habitual PlayStation Experience nos EE.UU., para pouco despois anunciar que non acudirá á feira E3 de 2019, o que non quedaba claro se respondía a unha falta de novidades de peso que anunciar por estarmos nun período entre xeracións de consola ou se a compañía xaponesa perdera a confianza nos grandes eventos físicos, nun momento no que a Internet é unha canle máis directa de comunicación a través da que non hai que competir pola atención como nas grandes feiras.
Aínda é cedo para sacar conclusións claras, pero o feito de que esta noite optasen por realizar un avance de novidades nunha retransmisión en directo chamada State of Play dá a entender que Sony vai emular os Nintendo Direct, ou sexa, que cada poucos meses publicarán vídeos informativos en vez de agardar a grandes eventos para divulgar as súas novidades.
Este primeiro State of Play de menos de 20 minutos de duración recolleu algunhas novidades para PlayStation 4 e PlayStation VR, comezando por Marvel’s Iron Man VR, xogo desenvolvido en conxunto por Camouflaj, Sony Interactive Entertainment e Marvel Games, e que permitiranos meternos na pel de Tony Stark nunha aventura inmersiva na que combinarase un interesante fío narrativo coa acción que fará que nos sintamos dentro da armadura de Iron Man mentres combate con algúns dos seus inimigos máis emblemáticos. O xogo verá a luz este mesmo ano.
O seguinte xogo do que deron conta foi Crash Team Racing: Nitro-Fueled, un novo xogo de carreiras de Crash Bandicoot para PS4 que bebe do Crash Team Racing de 1999, de xeito que aínda que ten un acabado moderno, presenta un deseño retro conseguido a base de reducir proactivamente o número de polígonos dos elementos do xogo. Un xogo con moito carácter que verá a luz o 21 de xuño da man de Beenox.
Unha agradable sorpresa foi saber que a actualización de balde que recibirá No Man’s Sky no verán, Beyond, será compatible con PlayStation VR, ou sexa, que o xogo poderá gozarse en realidade virtual como unha posibilidade máis, e non como un modo separado. Tamén será posible adquirir No Man’s Sky: Beyond en formato físico, ou sexa, que incluirá o xogo orixinal con todas as súas actualizacións até o momento.
Tamén falouse de ReadySet Heroes, xogo de Robot Entertainment para PS4 que combina os clásicos xogos de alxubes e os xogos de pelexas nunha acelerada arena multixogador. Verá a luz este mesmo ano, pero teremos que agardar para ver detalles do mesmo, así como o seu primeiro tráiler oficial.
O agardado xogo de realidade virtual Blood & Truth de London Studio confirmou finalmente a súa data de lanzamento, o 28 de maio, que será cando poderase adquirir este trepidante shooter en primeira persoa ambientado no mundo criminal londiniense.
De xeito fugaz tamén se anunciaron as datas de lanzamento dunha serie de xogos para PlayStation VR que serían Mini-Mech Mayhem (18 de xuño), Jupiter & Mars (22 de xuño), Falcon Age (9 de abril), Trover Saves The Universe (31 de maio), Everybody’s Golf VR (21 de maio), Table of Tales (16 de abril) e Vacation Simulator (18 de xuño).
Un xogo que mereceu máis atención foi o thriller de ciencia-ficción Observation, que verá a luz o 21 de maio e que introduciranos no rol de SAM, unha intelixencia artificial instalada na estación especial Observation que tras un suceso misterioso terá que traballar coa doutora Emma Fisher para restaurar os sistemas e descubrir que aconteceu coa estación e o resto da tripulación. O curioso desta proposta é que o xogo toma como perspectiva as cámaras de vixilancia repartidas pola estación.
Arrepiante semella Five Nights at Freddy’s VR: Help Wanted, un xogo de realidade virtual baseado na saga Five Nights at Freddy’s que ao experimentarse dun xeito inmersivo resulta moito máis aterrador. Está previsto o seu lanzamento para primavera.
O State of Play tamén serviu para presentar o tráiler da historia de Concrete Genie, un xogo de Pixelopus para PS4 que contará as dificultades dun rapaz atemorizado que fai uso da creatividade para facer un mundo mellor. Ash descubre un pincel máxico cheo de pintura viva, o que permítelle crear paisaxes fantásticas que cobrarán vida e criaturas falcatrueiras. A relación con estas criaturas facilitará ir resolvendo quebracabezas e obter habilidades coas que seguir restaurando a cidade tras ser contaminada pola escuridade. Este xogo chegará no outono, e no vídeo de hoxe confirmaron que terá modos para PlayStation VR que detallarán máis adiante.
Un dos prazos fortes do State of Play foi, sen dúbida, Days Gone, xogo de mundo aberto que chegará o 26 de abril a PS4 e do que puidemos ver o seu novo tráiler da historia, que permite explorar novos aspectos da trama deste xogo de supervivencia que promete ser un dos títulos máis importantes da primeira metade do ano.
E, para completar o vídeo, temos un novo tráiler de Mortal Kombat 11, xogo de loita de NetherRealm Studios no que rememoraranse as orixes da saga, de xeito que moitos dos personaxes cruzaranse cos seus homólogos do pasado para vivir experiencias impactantes. Un xogo que mestura violencia, humor e nostalxia dun xeito como nunca se vira nesta franquía, e que sairá á venda o 23 de abril.

Vídeo íntegro do primero State of Play

PUBLICIDADE