As novas tabletas insignia de Samsung adoptan o factor de forma das de Apple

luns, 20 de xullo do 2015 Marcus Fernández

Samsung presentou hoxe a súa nova tableta Galaxy Tab S2, que non só sería a tableta máis lixeira e delgada da compañía surcoreana até o momento, senón que tamén buscaría achegar unhas prestacións para a produtividade melloradas e unha maior calidade de imaxe, combinando así un bo rendemento cun deseño elegante.
Esta tableta con marco de metal aposta por unha pantalla Super AMOLED de 9,7 polgadas cunha resolución de 2.048 x 1.536 píxeles, de xeito que adoptaría o mesmo factor de forma que o iPad Air 2, pero cun grosor (4,5 milímetros) e un peso (389/392 gramos) inferiores que o produto de Apple, aínda que Samsung tamén quixo preparar unha versión con pantalla Super AMOLED de 8 polgadas cunha resolución de 2.048 x 1.536 píxeles para competir con iPad mini 3, tableta á que tamén consegue superar en portabilidade grazas ao seu reducido grosor (5,6 milímetros) e contido peso (265/272 gramos).
Ao apostar por unhas proporcións de pantalla de 4:3, Samsung busca que as súas tabletas teñan un mellor comportamento como dispositivos de lectura de libros electrónicos, revistas, páxinas web... o que leva ás tabletas Galaxy Tab S2 a competir directamente coas de Apple, polo que tamén teñen que contar cun hardware interno máis que notable. Contan cun procesador de 8 núcleos (con catro núcleos a 1,95 GHz e catro núcleos a 1,3 GHz), 3 GB de RAM, 32/64 GB de almacenamento interno (ampliable mediante microSD de até 128 GB), cámaras de 8 e 2,1 Mpíxeles, Wi-Fi AC de dobre banda, Wi-Fi Direct, Bluetooth 4.1, GPS, lector de pegadas dixitais e sistema operativo Android 5.0, diferenciándose o modelo de 8 e o de 9,7 na capacidade das súas baterías (4.000 e 5.870 mAh respectivamente).
As tabletas Samsung Galaxy Tab S2 sairá á venda durante o mes de agosto, descoñecéndose polo momento o seu prezo.

Con estas novas tabletas Samsung parece querer competir de xeito máis directo con Apple

PUBLICIDADE