As novas nVIDIA TITAN Xp terán edicións inspiradas en Star Wars

mércores, 8 de novembro do 2017 Marcus Fernández

Hoxe abríronse as reservas en EE.UU. de dúas edicións para coleccionistas das tarxetas gráficas nVIDIA TITAN Xp, que buscan satisfacer aos afeccionados de Star Wars, xa que estas tarxetas veñen personalizadas para reflectir o carácter de ambos lados da Forza da franquía galáctica por excelencia, o que resulta bastante rechamante, xa que estas pezas de hardware están pensadas para a súa instalación no interior de ordenadores de sobremesa, polo que normalmente non estarán á vista.
Unha das versións da nVIDIA TITAN Xp presenta iluminación verde inspirada na espada de luz de Luke Skywalker, mentres que a outra versión opta pola luz vermella da espada de Darth Vader. As tarxetas tamén teñen toques de deseño para lembrar á Alianza Rebelde e ao Imperio Galáctico, formacións das que tamén inclúen o seu respectivo logotipo.
Estas gráficas venderanse en caixas de cor branca ou negra en función do lado da Forza que representen, e o seu prezo sitúaas moi lonxe da meirande parte de consumidores, xa que nos EE.UU. custan 1.200 dólares (en España as nVIDIA TITAN Xp véndense a 1.299 euros) e estarán dispoñibles a partires do 17 de novembro.
Que teñen estas gráficas para ter un prezo tan esaxerado? Pois, aparte de ser unha edición para fanáticos de Star Wars, estamos ante un hardware potentísimo, cunha GPU nVIDIA Pascal con 3.840 núcleos CUDA capaces de poder operar a 12 TFLOPS, incluíndo tamén 12 GB de memoria GDDR5X a 11,4 Gbps. Dende nVIDIA aseguran que é a tarxeta gráfica máis potente do mundo, triplicando o rendemento fronte a xeración anterior de tarxetas (as TITAN X con arquitectura nVIDIA Maxwell), ofrecendo «unha potencia nunca vista para creativos investigadores e afeccionados ao PC».

Vídeo de presentación das edicións para coleccionistas da nVIDIA TITAN Xp

PUBLICIDADE