As novas cámaras dixitais de Casio permiten optimizar as súas gravacións de vídeo para YouTube

xoves, 19 de xullo do 2007 Marcus Fernández

Durante o mes de agosto se comezarán a vender en EE.UU. as novas cámaras de Casio, que logo chegarán a Europa, e que resultan moi atractivas para os afeccionados de servizos coma YouTube, pois inclúen un modo de gravación de vídeo optimizado para tal servizo (fixando a captura a 640 x 480 a 30 fotogramas por segundo). As cámaras tamén inclúen unha aplicación que permite transferir os vídeos directamente a unha conta de YouTube en concreto para a súa publicación rápida e doada na Internet.


Vídeo de exemplo de uso das novas Casio EXilim

Entre os novos modelos de cámara está a Casio EX-S880 que coa súa lente óptica 3x e o seu sensor de imaxe de 8,1 Mpíxeles opten instantáneas de 2.364 x 2.448 píxeles, aínda que ten outros modos de captura de imaxe (7 en total), permite axustar a imaxe en formato panorámico, e captura vídeo en 6 modos que van dende 320 x 240 píxeles ata 848 x 480. Os vídeos grávanse en MPEG4 H.264 como arquivo .mov de Quicktime, de xeito que presentan unha calidade máis que respectable.
Para evitar a complexidade nos cambios de modo de disparo de foto a vídeo a cámara inclúe dos botóns distintos (un para cada uso) de xeito que para tirar unha foto só hai que premer o botón da parte superior, mentres que para capturar vídeo contamos con outro na esquina superior dereita.
A Casio EXilim S880 venderase a uns 300 dólares, mentres que unha versión un tanto inferior, a EXilim Z77, custará só 230 dólares, incorporando tamén as mencionadas optimizacións para a publicación de vídeo en YouTube.

PUBLICIDADE