As novas barras de son de LG integrarán ao Asistente de Google

xoves, 27 de decembro do 2018 Marcus Fernández

LG continúa a adiantar produtos que vai presentar este ano no CES de Las Vegas, entre os que figurarán novas barras de son, que grazas á colaboración con Meridian Audio presentarán unha elevada resolución sonora, xunto con funcionalidades avanzadas e un deseño moderno e elegante.
As tres novas barras de son que levarán ao CES (modelo SL10YG, SL9YG e SL8YG) prometen melloras sonoras que conseguirán somerxer ao espectador nas experiencias cinematográficas, cun son de grande potencia sen distorsión, soportando tanto Dolby Atmos como DTS:X, o que axuda a que a percepción do audio sexa máis envolvente, xa que o usuario notará de onde veñen os sons e a súa profundidade.
Para os usuarios que desexen unha experiencia máis completa, estes altofalantes tamén permite a posibilidade de engadir altofalantes traseiros sen fíos (conseguindo unha sensación aínda máis próxima á das salas de cine convencionais).
Pero LG non quere limitarse á promesa de ofrecer un son de calidade, e unha funcionalidade que agora está a converterse nunha peza chave é a intelixencia artificial, concretamente a través da integración do Asistente de Google, de xeito que poderemos controlar a barra mediante ordes a viva voz, así como tamén poderemos pedir información de xeito oral e incluso controlar a nosa electrónica doméstica.

PUBLICIDADE