As mulleres de Monforte reciben formación en comercio e banca electrónica
martes, 8 de outubro do 2019
Segue
adiante a iniciativa conxunta da Xunta e a Unión
de Consumidores de Galicia (UCGAL) para derrubar con formación e
adestramento os muros que separan a poboación feminina do rural das
oportunidades de capacitación tecnolóxico-dixital coas que contan
as e os residentes nas cidades. Estamos
a falar da Escola
para o apoderamento de mulleres do rural: comercio e banca
electrónica,
que se desenvolve durante os meses de setembro, outubro e novembro.
Os obradoiros
chegaron onte a Monforte. A sesión terá unha duración de oito
horas, repartidas en catro sesións.
A
secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o secretario
xeral da Unión de Consumidores de Galicia, Miguel López,
achegáronse este luns 7 de outubro até a aula CeMIT do concello
para visitar ás participantes. En total, a iniciativa chegará
durante os meses de setembro, outubro e novembro a oito municipios.
Programáronse sesións, ademais de en Monforte de Lemos, na Estrada,
Ordes, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Boiro, Monterroso e
Moaña.
A
escola sobre comercio e banca electrónica é unha aposta pola
formación en novas tecnoloxías entre as mulleres do rural galego co
“fin de diminuír a fenda dixital, e por fomentar o apoderamento
financeiro e a autonomía económica nun contexto onde estas
transaccións de bens e servizos a través da rede están á orde do
día”, explican a UCGAL e máis a Secretaría Xeral de Igualdade,
engadindo (nun plano máis concreto) que durante o obradoiro, as
participantes adquirirán coñecementos e habilidades relacionadas
coa banca e o comercio electrónico, coñecerán os seus dereitos
como persoas consumidoras, así como as ferramentas necesarias para
exercer estes dereitos.