As mellores webseries galegas do ano compiten xa na rolda de votacións dos Mestre Mateo

martes, 19 de xaneiro do 2021 S. P.

A edición XIX dos Premios Mestre Mateo ao noso audiovisual xa ten aberta a primeira rolda de votacións, até o 25 de xaneiro ás 14.00 horas na web da Academia Galega do Audiovisual. Achéganse un total de 25 categorías, incluída unha modalidade dirixida a elixir a que sería a mellor webserie do ano.
As candidaturas finalistas daranse a coñecer o 1 de febreiro e o 27 está previsto que se celebre a gala na que se proclamarán as gañadoras e gañadores. O evento terá lugar no Teatro Colón da Coruña e será conducido por Tito Asorey e Lucía Veiga, contando con guión de Manolo Cortés.
Entre as mellores contribucións audiovisuais para seren distribuídas e vistas na web (candidatas na dita categoría) atópanse Mataría Microserie (creada por Javi Seoane e Pedro Brandariz, con dirección e montaxe de Javi Seoane), Xan (Lucía Estévez e Miguel Canalejo), Amnesia 3.0 (Carballo Interplay e Produtora Absurda), Cativos na cociña (Alberta Álvarez Portela, Siradella Films) e Doc Way: Camiño Portugués (Que+Ver).
A listaxe de todas as candidaturas está dispoñíbel na web da Academia Galega do Audiovisual (en PDF).

PUBLICIDADE