As máquinas Game & Watch rexurden na Nintendo DSi

xoves, 25 de marzo do 2010 Marcus Fernández

A primeiros dos anos 80, unha das principais figuras dos videoxogos, Gunpei Yokoi (recoñecido coma o pai da Game Boy), deseñou un tipo de maquiniñas portátiles moi sinxelas coñecidas coma Game & Watch, e que foron as claras precursoras das consolas de videoxogos portátiles.
Pese a contar cunha tecnoloxía ao nivel dunha calculadora permitía replicar xogos de éxito coma o Donkey Kong (probablemente o xogo máis popular neste tipo de dispositivos), e para celebrar o 30 aniversario destes dispositivos decidiron lanzar a través de DSiWare un xogo descargable que permite rememorar as vellas Game & Watch na pantalla das Nintendo DSi.
Durante o ciclo de vida das vellas Game & Watch saíron 59 xogos portátiles fabricados por Nintendo, que son toda unha peza de coleccionista, que pouco a pouco iranse recuperando, chegando esta semana a un prezo de 200 puntos 3 xogos dos máis representativos: Chef (no que había que manter comida no aire coa axuda dunha tixola), Judge (no que en décimas de segundo había que optar entre golpear ou esquivar a un opoñente) e Mario’s Cement Factory (unha das primeiras aparicións de Mario, nas que o fontaneiro debe ir enchendo formigoneiras sen accidentarse).


Anuncio xaponés dos Game & Watch adaptados á Nintendo DSi

PUBLICIDADE