As lentes de realidade virtual HTC Vive chegará ao mercado en abril

luns, 22 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

Mentres as lentes de realidade virtual Oculus Rift van ter un lanzamento moi lento (de pedilas actualmente non se recibirían unidades até o verán) dende HTC dan conta con gallo do Mobile World Congress de Barcelona de que a súa solución, as HTC Vive, desenvolvida en colaboración con Valve (compañía detrás da popular tenda de xogos para PC Steam) poderá encargarse a partires do vindeiro día 29, e estará comercialmente dispoñible no mes de abril a un prezo de 799 dólares (os prezos europeos aínda non foron detallados) e figurando España entre un dos 24 países nos que vai estar dispoñible.
O HTC Vive inclúe 2 mandos de realidade virtual, sensores de movemento e o casco de realidade virtual (que integra cámara e teléfono), así como 2 títulos de realidade virtual (Job Simulator e Fantastic Contraption), de xeito que achega unha experiencia completa dende o primeiro día (mentres que Oculus ten certo retraso na comercialización dos accesorios, que non están incluídos no seu prezo, de aí que este lote sexa uns 200 dólares máis caro).
Ao igual que acontece coa tecnoloxía de Oculus, para poder gozar da experiencia de realidade virtual de calidade de HTC é preciso contar cun ordenador de grande potencia, cun procesador Intel Core i5-4590 ou superior, un mínimo de 4 GB de RAM, gráfica a partires dunha nVIDIA GeForce GTX 970 con saída HDMI 1.4 ou a partires de DisplayPort 1.2, 1 porto USB 2.0 e Windows 7 ou posterior.
Queda agora por ver a resposta do público e dos desenvolvedores, xa que esta tecnoloxía tanto pode converterse na nova febre como padecer a mesma fortuna que o 3D ou os sensores de movemento, cando menos no que aos xogos se refire, sendo especialmente crítico o feito de que están a chegar numerosas tecnoloxías que deberían confluír nun único estándar xa que o consumidor dificilmente elixirá unha opción a cegas sen a garantía de que a súa plataforma non vai ser abandonada nun par de anos despois do forte investimento realizado (que en moitos casos terá que ser superior aos 1.500 euros, xa que precisa da compra do kit de realidade virtual e a renovación do equipo informático).

PUBLICIDADE