As exitosas visitas virtuais á Torre de Hércules terán continuidade estes días de reclusión

mércores, 25 de marzo do 2020 Sonia Pena

Se hai algo que nos está a mostrar a actual crise sanitaria é a importancia das novas Tecnoloxías da Información a Comunicación (TIC) para permitirnos seguir coa nosa vida diaria, coa nosa actividade laboral (nos casos en que sexa posíbel), co noso lecer e coa nosa ansia de coñecemento, saber e experiencias. Conscientes disto, dende a Torre de Hércules (Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña) comezaron a ofrecer, co inicio da crise, visitas guiadas virtuais para facer o máis levadío posíbel o confinamento das familias, poñendo o foco nos máis pequenos da casa. Segundo confirmaron hoxe dende a xestión do monumento, as visitas seguirán até que remate a reclusión do estado de alarma. Nos próximos días explicaranse as lendas de Breogán e Hércules e tamén se ofrecerán paseos virtuais polo Parque Escultórico da Torre.
Programa
Para as vindeiras datas están previstas varias visitas con “enfoques distintos”, explica o Consorcio, engadindo que este xoves ás 12.00 horas, no Facebook da Torre de Hércules, ofrecerase unha experiencia divulgativa para explicar a lenda de Breogán e unha das xoias da contorna do faro, a Rosa dos Ventos.
O domingo a mediodía ofrecerase un achegamento ao Parque Escultórico da Torre dirixido a nenas e nenos, que se completará o domingo seguinte debido “á magnitude do parque”. O xoves 2 de abril organizarase unha visita na que se falará de Hércules e das diversas lendas que rodean o faro romano.
A primeira semana
Durante a primeira semana de confinamento, Turismo da Coruña ofreceu a través da páxina de Facebook da Torre de Hércules tres visitas guiadas virtuais polo faro Patrimonio Mundial. Destas tres, unha foi dirixida á rapazada, logrando o fito dos 500 usuarios conectados de maneira simultánea e obtendo máis dun milleiro de comentarios. En total, as tres visitas superan xa as 30.000 reproducións, explican dende o Consorcio.
Debuxando a Torre
A dirección do monumento tamén lembrou o chamamento emitido o pasado mércores a todos os cativos que están nas súas casas durante estes días de confinamento para que envíen un debuxo da Torre de Hércules cun arco da vella. O obxectivo desta iniciativa é empapelar o Centro de Interpretación e Atención a Visitantes no momento en que poida ser reaberto ao público cos gravados de todas as nenas e nenos durante estes días de peche. Os debuxos terán que incluír os ditos dous elementos e deberán ser enviados ao correo electrónico torredehercules@coruna.es. Tamén poderán ser subidos ás redes sociais co cancelo #DebuxandoATorre.
Novas iniciativas
O Consorcio tamén fai saber que ao longo dos vindeiros días anunciaranse “novas iniciativas para seguir dando a coñecer a cidade de maneira virtual” así como propostas en colaboración con plataformas estatais como Saborea España para dar apoio aos locais de hostalería da cidade que se viron afectados pola crise do Coronavirus.
A maiores, tamén informou de que durante os días que fiquen pechadas as Oficinas de Turismo da Coruña, estas continúan ofrecendo soporte telefónico a través do teléfono 661687878 e do correo electrónico comunicacionturismo@coruna.es nos que se ofrecerá axuda en asuntos relacionados co traballo de Turismo da Coruña.

PUBLICIDADE