As estratexias omnicanle, polo miúdo nun curso da Cámara de Santiago

mércores, 25 de novembro do 2020 Fernando Sarasketa

A Cámara de Comercio de Santiago e o experto en transformación tecnolóxica Javier Rocamora ofrecen nos primeiros días de decembro, entre o 1 e o 3 e en horario de 10.00 a 14.00 horas, un novo curso sobre as vantaxes da estratexia omnicanle. A actividade formativa baséase na necesidade de innovar, no noso día a día empresarial, para mellorar ao máximo a experiencia dos nosos clientes, un proceso fundamental para “marcar as diferenzas e sermos máis competitivos”. A Cámara lembra que a través da dita estratexia, o cliente pode ter contacto constante coa empresa a través de múltiples canles ao mesmo tempo: sede física, páxinas web, redes sociais, chat en vivo, aplicación móbiles, comunicación telefónica, etc.
En concreto os obxectivos do curso, son os seguintes:
• Dotar aos asistentes dunha visión estratéxica sobre o omnichannel.
• Formalas e formalos para que poidan autoxestionar a súa propia estratexia de integración das canles de venda online e offline.
• Achegar recursos para a realización de accións concretas de integración de tenda online e offline.
A actividade, de dez horas, vai dirixida a persoal de micropemes, pemes e autónomos dos sectores do comercio e a artesanía e a persoas emprendedoras no devanditos sectores que teñan interese en mellorar as súas canles de contacto co seus clientes como “un elemento diferenciador e de competitividade do seu negocio”.

PUBLICIDADE