As empresas galegas, á cabeza de España en uso de IoT e IA

martes, 28 de xuño do 2022 S. P.

As firmas da nosa terra superan a media estatal en uso de tecnoloxías disruptivas (como a Internet das Cousas ou a Intelixencia Artificial). Así se certifica no informe Galicia Dixital. Tecnoloxías disruptivas nas empresas. Este traballo vén de ser publicado polo Observatorio da Sociedade da Información e Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.
Trátase, explica a axencia, “do primeiro estudo que analiza e revisa a situación actual das principais tecnoloxías disruptivas no tecido empresarial galego, con especial foco no sector TIC, Tecnoloxías da Información e a Comunicación”. O obxectivo principal desta análise é identificar o grao de adopción da Intelixencia Artificial, aprendizaxe automática a través da análise da información a gran escala (Big Data), chatbots ou computación na nube. Este informe está enmarcado dentro dos obxectivos da Estratexia Galicia Dixital 2030 (EGD2030), que inclúe entre os seus obxectivos, o impulso ás capacidades e infraestruturas dixitais en tecnoloxías disruptivas.
No estudo dise que “as tendencias tecnolóxicas prevén un crecemento significativo da Intelixencia Artificial coa creación de ecosisistemas nos que, grazas aos datos compilados de dispositivos, que actúan como sensores, o mundo virtual interactúe con obxectos físicos; as súas aplicacións son múltiples, por exemplo na sanidade, na educación, na agricultura, no transporte, na fabricación ou na enerxía”.
No 2021, o 7,6% das microempresas galegas utilizan Intelixencia Artificial, superando en 4 puntos porcentuais a media estatal (3,5%). No caso das empresas de 10 ou máis persoas empregadas, a porcentaxe sitúase no 10,2%, superando tamén a media estatal (8,3%).
Por outra banda, a análise sinala que o 21% das empresas TIC galegas utiliza ou incorpora aos seus produtos ou servizos Intelixencia artificial. O 16,6% das empresas TIC emprega a realidade virtual e o 13,8% a Impresión 3D.
A avaliación destes indicadores realízase a partir dos datos da Enquisa a Empresas TIC que realiza o propio OSIMGA e dos indicadores da Enquisa sobre o uso de TIC e comercio electrónico nas empresas do INE, no marco do convenio de colaboración entre Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), o Instituto Galego de Estatística (IGE) e o Instituto Nacional de Estatística (INE).
Na investigación tamén se fai saber que o 26,4% das empresas galegas de 10 ou máis persoas empregadas con sede e/ou actividade en Galicia emprega dispositivos interconectados que poden ser monitorizados ou controlados remotamente a través de Internet (a Internet das Cousas). Nas microempresas o uso desta tecnoloxía acada o 9,1% e supera a media estatal (8,1%).
No caso das empresas TIC galegas, a IoT é a tecnoloxía disruptiva con máis presenza neste sector empresarial (34,2%). Entres as empresas TIC que empregan IoT, os sensores, etiquetas RFID ou IP, cámaras para a mellora do servizo (54,2%) e os medidores, lámpadas, e termóstatos intelixentes (50,2%) son os sistemas ou dispositivos máis frecuentes.
Respecto do Big Data, outra das tecnoloxías disruptivas analizadas neste informe, sinálase que en 2021 increméntase a porcentaxe de empresas galegas que analizan información a gran escala. O maior incremento rexístrase entre as empresas galegas de 10 ou máis asalariados/as, onde a análise de Big Data sitúase no 13,8%, 2,7 puntos máis que a media estatal. Esta porcentaxe elévase ata o 22,5% entre as empresas TIC galegas. Ademais, entre as empresas TIC que utilizaron Big Data, o 34,4% utilizou o método de aprendizaxe automática ou Machine Learning.
Na investigacón saliéntase que entre o sector TIC galego, o 28,7% utiliza ou incorpora aos seus produtos ou servizos Bussiness Inteligence e o 24,2% emprega chatbots, experimentando este último indicador un crecemento relativo do 44,9% pasando do 16,7% que acadou no 2020 ao 24,2% no 2021. A utilización de robótica nas empresas TIC galegas aínda é incipiente. Só o 8,8% das mesmas utiliza robots, das cales o 62,9% utiliza robots industriais.

PUBLICIDADE