As empresas TIC galegas xuntan forzas para incrementar a seguridade dos mariñeiros

venres, 25 de xaneiro do 2019 Fernando Sarasketa

Entre os proxectos de tecnoloxía marítima máis importantes que están a coller pulo en Galicia atópase sen dúbida o proxecto MAR-1, impulsado por unha alianza de empresas locais para mellorar, con innovación, a seguridade dos barcos pesqueiros na nosa costa, unha contorna litoral onde se concentra o 15% da produción pesqueira de toda a Unión Europea. O proxecto MAR-1 diríxese tamén a optimizar as condicións de traballo do sector: un tecido produtivo que dá traballo directo a 33.000 persoas e sustento indirecto a 120.000 familias. Entre as empresas participantes atópase Imatia, que pon o foco nas posibilidades das tecnoloxías actuais para loitar contra o principal problema que sofren os nosos profesionais do mar: a falta de seguridade.
Segundo informa a empresa galega, “debido ás complicadas condicións marítimas e á dificultade da súa previsión, o número de accidentes é moi elevado neste sector e, por desgraza, comporta a perda de vidas humanas máis a miúdo do que nos gustaría”. Ao fío disto, a firma lembra que só en 2017, o servizo de Salvamento e Socorrismo de España atendeu a 99 persoas ao día e en Galicia atendéronse un total de 878 persoas (Informe Salvamento Marítimo 2017). Á elevada cifra de incidencias que resolver únense unha serie de condicionantes que historicamente limitan o traballo dos profesionais: cousas como a imposibilidade de acadar a localización exacta de determinados sinistros no mar ou a falta de recursos tecnolóxicos (até o de agora) que permitan a coordinación máis efectiva de recursos humanos e materiais.
Sobre as devanditas eivas xorde o proxecto MAR-1, que inclúe, entre outras cousas un vehículo de superficie non tripulado e desenvolvido por Industrias Ferri, contando con sistemas de salvamento e supervivencia equipados.
A iniciativa ten o seu xermolo en 2015, cando xuntaron forzas Imatia, Industrias Ferri, Cartogalicia, Arteixo Telecom ou Scio Soft cun obxectivo común: tirar proveito das posibilidades que se abren cos recursos intelixentes de información e comunicación para mellorar as condicións de traballo no mar.
Segundo explican, MAR-1 consiste no desenvolvemento dunha plataforma intelixente que coordine a seguridade marítima da frota pesqueira e que permita mellorar a toma de decisións e reducir os tempos de resposta en casos de emerxencia. Esta plataforma integra e coordina toda a información recibida polos distintos sistemas creados, como sensores a bordo, tecnoloxías carrexábeis (wearables) ou imaxes transmitidas en tempo real por vehículos autónomos (tanto marítimos como aéreos).
Os obxectivos que se perseguen con este sistema son: facer seguimento da frota pesqueira (permitindo en caso de emerxencia coñecer en tempo real a situación, localización e a tripulación a bordo desta), posuír unha plataforma que integre toda a información (xerando alertas de forma automática e apoiando a toma de decisión) e dispoñer dunha frota de drons que permitan avaliar e prestar apoio ante o aviso de calquera incidente.
O proxecto, que forma parte da CIVIL UAV Initiative da Xunta de Galicia, permitirá “unha xestión de emerxencias marítimas moi distinta á actual”, sinala Imatia, engadindo que a partir de 2021 prevese que o proxecto estea funcionando nas costas galegas.

PUBLICIDADE